Saias Ledas, opción artesá para non ir de rebaixas

Hoxe que se estrean as rebaixas e que a posibilidade de atopar o teu precioso vestido ou a túa estupenda camiseta repetidos ata a saciedade entre a túa veciñanza (o deus da roupa única maldiga a Inditex…), tiramos de proposta orixinal para vestir completamente diferente.

Chámase Saias Ledas e, como o seu nome indica, ten como principal reclamo as saias. Fanas en Cangas nun obradoiro – completamente artesán claro está – e, aínda que non completamente únicas, son diferentes e especiais. “Non hai un número limitado de cada saia, se son pintadas pode haber algunha variación ou pódese personalizar co nome en particular”, explícanos Gloria Barcia, a costureira que está detrás de Saias Ledas. “O que as fai únicas e que están feitas coas túas medidas e a cor que ti escolliches”.

As saias están feitas en liño e algodón, os materiais que Gloria Barcia nos confesa que máis piden as compradoras, aínda que tamén poderían ser de liño ou acrílico.

Saias Ledas empezou hai xa dez anos. “Empecei facendo Saias Ledas para min e a miña sobriña, facer o que me gustaba, pois os encargos no taller non me permitían licenzas de ningún tipo”, cóntanos Gloria. De vendelas no seu obradoiro saltou a vendelas na rede, onde agora ademais de saias hai pichis e roupa para nenas.


Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *