Arte con televisións que morren

Morte dunha televisión, do artista Stephan Tillmans

Lembras as teles antigas? Aquelas televisións de antes das pantallas planas, que ocupaban case máis cara atrás que cara as outras dúas dimensións? Entón quizais tamén lembres como era o seu apagado: lonxe de ser tan limpo e seco como o das televisións actuais, había un segundo de dúbida, un intre no que a imaxe se descompoñía e unhas liñas estrañas aparecían na pantalla. Este detalle, esas formas, é o que obsesiona e inspira ao artista berlinés Stephan Tillmans.

Tillmans é unha persoa observadora, claro está. Unha persoa que non só se decatou de que as teles agonizaban en imaxes rotas ao seren apagadas, senón que ademais tamén notou que cada aparato tiña unha “morte” distinta. A súa obsesión centrouse a partir de entón en lograr capturar ese momento cunha cámara. E non é tarefa sinxela, pero tampouco imposible.

Morte dunha televisión, de Stephan Tillmans

O artista é xa un experto na materia e xa sabe que hai teles que dan mellor resultado ca outras, e que ás veces unha televisión ten unha morte bonita para o ollo pero pouco atractiva para a cámara.

Ao final, o segredo é o de sempre, ese que Cartier-Bresson xa descubrira a principios do século XX: captar o intre decisivo. Cando se logra, os resultados son realmente fermosos.

Vía | Wired

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará