“Galicia é unha potencia literaria”. Non o dicimos nós. Dino os organizadores das xornadas Ceo das Letras, que durante uns cantos sábados dende xaneiro e ata o próximo mes de xuño invitan á Cidade da Cultura compostelana aos fanáticos das letras para analizar -doutra maneira – a obra de nove grandes autores galegos e tres estupendos veciños.
Rosalía, Manuel Antonio, Fernando Pessoa ou Valle-Inclán son algúns do que xa foron: Valente chegará o 30 de abril, Salvador Espríu o 14 de maio, Torrente o 28, Blanco Amor o 11 de xuño e José Luís Borges o 25 dese mesmo mes.
A estructura dos encontros non segue o patrón das xornadas/congresos literarios. A unha primeira parte máis divulgativa sobre a vida e obra do autor en cuestión, séguelle unha máis distendida e sorprendente relacionada co mesmo. Textos musicados, adaptacións televisivas, música do medievo… son algúns dos elementos que se incluirán nas xornadas.
E para clausurar haberá brindis e petisco. “Do que se trata é de gozar cun aperitivo literario exquisito para as mañás dos sábados”, explican no folleto.