Música, Slide — 05/04/2012 16:20

FIV Vilalba: queda inaugurada a tempada de festivais!

Escrito por

*Colaboración de ifrit

FIV

Seguramente non haxa nada máis uncool que un festival de música en primavera-verán. O primeiro día chegan todos os participantes coas súas mellores galas, mais nos días seguintes, acampada e excesos mediante, a cousa vai decaendo. Con todo imos falar de música e diso, no FIV (Festival Independente de Vilalba), si que houbo moito.

O festival abrírono Grises, aínda que eu estaba a comer un bocadillo de calamares, así que teño que fiarme doutras fontes que me contaron que perdín un dos concertos da fin de semana. Comezando con puntualidade (tónica xeral de todo o festival) este grupo vasco cun son bastante único no estado e que por momentos disque recorda a Arcade Fire, sorprenderon a un entregado público, que incluso tiveron tempo de facerse unha gran foto de familia en plan flashmob.

Os seguintes en saír ao escenario do FIV foron Catpeople que, no remate da súa xira, non aforraron no seu potente son e así, despois do primeiro tema, declaraban: “¡Vamos a prenderle fuego a esta puta carpa hoy aquí!” Se hai uns anos podían soar a Interpol ou a outros grupos ingleses daquela, hoxe soan definitivamente a CatPeople. A cousa comezaba a pórse quente e aínda estabamos empezando.

De terceiros tocaron outros vellos coñecidos. En Galicia xa debe de quedar pouca xente da que vai a concertos que non vira a Los Coronas, así que agora veñen fusionados cos Arizona Baby , abandonando os ritmos surf e facéndose chamar Corizonas. Corizonas son os fillos bastardos de Ennio Morricone, o lado salvaxe de Calexico. Orixinarios da fronteira entre o norte e o sur e cunha estética a medio camiño entre o country e o hipster entregáronse por completo (o cantante chegou a perder os lentes) nun repertorio imparable no que teñen cabida desde versións de Black Sabbath ata canción lixeira italiana, todo pasado polo seu peculiar filtro de estilos fronteirizos. Para ilustrar canto lles gusta o risco incluso deixaron un día que o batería trouxese unha canción, algo que, como eles ben explican, pode acabar cun grupo se é Phil Collins ou mellorar a cousa se é Dave Grohl (ex-baterista de Nirvana, cantante e guitarrista de Foo Fighters e baterista do supergrupo Them Crooked Vultures). En definitiva, os grupos con trompeta soan mellor.

Non teño problemas de diabetes, mais os Delafé y Las Flores Azules sempre me pareceron azucarados de máis. Xa nos primeiros movementos da presentación era como se os Beastie Boys caeran a unha piscina de lambetadas cun tutú. Pero como soe pasar sempre, centos de persoas non compartían a miña opinión e desfrutaron coma nunca coas mans en alto e pedindo máis. “Zamburiñas al poder!”, berraban estes “ciudadanos de un lugar llamado mundo”.

Os dous días remataron con cadanseus dj’s (David Van Bylen e Eme Dj), mais non me vou parar neles.

FIV SidonieDespois dunha hamburguesa completa (xantar) e un bocadillo de peituga (cea), moita calor e moito frío, chegamos aos concertos do sábado. No escenario, Miss Caffeina, un grupo que tamén ten os seus seguidores fieis (iso é o bonito da música). E xusto despois un dos pratos fortes do festival, El Columpio Asesino, outra boa mostra de que pode ser boa idea deixar facer cancións ao batería. Con trece anos de carreira e catro discos publicados os seus directos son pura enerxía. E por se alguén tiña dúbidas sobre as fontes nas que beben sen afogarse, non podía faltar unha versión dos Pixies, en concreto do tema Vamos. Por min, con este concerto, xa podía rematar o festival. Uns 12 euros máis que ben invertidos.

Mais non, a festa no FIV non para (e menos tan pronto), e de seguido subiron ao escenario Sidonie, coa difícil tarefa, como eles mesmos recoñeceron, de actuar despois da que sexa “seguramente la mejor banda de España”. Aí fica iso. Sidonie é outro deses grupos que sen ser santo da miña devoción teñen un espectáculo ben preparado e un son que move ao público. Vilalba estaba rendida e entregada.

E para rematar as actuacións de grupos: Fuel Fandango. O escenario inzado de caraveis e abanos flamencos daban unha idea equivocada do que íamos ver. Cando a cantante saíu cun cinguidísimo vestido vermello a modo de segunda pel máis dun quedou sen alento, e cando xa a escoitaron cantar caeron de cu para atrás. Fuel Fandango fan unha sorte de música electrónica con instrumentos e voz en directo, a medio camiño entre as propostas do pop internacional máis comercial e os dj’s de Ibiza con cantante en directo. Non son Cycle, non son Delorean, non son Mendetz. Son Fuel Fandango. Un grupo de son electrónico que a pesar de todo, para o meu gusto, non teñen a intensidade e forza necesaria para fechar un festival. Eu tería apostado máis por un: Fuel Fandango, Sidonie, El columpio asesino. Aínda así o público non deixou de bailar, choutar, cantar e se divertir en ningún momento.

FIVSó me fica felicitar á organización por un festival ao que poucas chatas se lle poden pór. Un cartel atractivo, un prezo máis que axustado nos tempos que vivimos, unha ampla resposta de público sen ter nunca a sensación de abafo… O único malo foi que a acampada cuberta era limitada e non había nada máis preparado, así que bastante xente tivemos que durmir ó raso na Terra Chá. Aínda así o ano que vén volveremos! Ademais da parte musical o festival tiña a súa zona de postos onde destacaban as tote bags e as gravatas de lazo feitas a man de Pajaritas Sin Más, dúas estudantes dos Estudos superiores en deseño téxtil e moda de Galiza (ESDEMGA) das que sen dúbida volveremos oír falar e que poderedes ver en próximos festivais polo país adiante. O FIV tamén coincidiu coa celebración do concurso de tapas con queixo de San Simón da Costa, oportunidade que os máis lambóns non deixaron pasar. Música e gastronomía sempre se levaron ben.

A última escena desta crónica é a peculiar estampa dos fivers, coas súas mochilas, gafas de pasta, pantalóns curtos, mallas, camisolas e esa mistura de cansazo e felicidade nas súas caras a camiñar en dirección contraria á dos fieis católicos coas súas palmas e vestidos de domingo. Así somos.

Fotos | ifrit

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...


Comparte en Chuza Difundir a nova en Cabozo

1 comentario

Deixa un comentario

— obrigatorio *

— obrigatorio *