¡Caramba!, un fanzine cheo de profesionais

*Colaboración especial de Ifrit 

Algún podería pensar que os fanzines son algo fóra da moda, que son unha cousa cutre feita con fotocopias e colados e por e para catro matados. Pero a verdade é que, inda que os fanzines de toda a vida seguen aí, cos seus exclusivos e selectos lectores, hoxe en día, grazas a internet, podemos atopar unha grande oferta e de gran calidade de calquera recuncho do mundo e ben cool.

E así chegamos a ¡Caramba!, como ben definen eles mesmos, “un fanzine de humor que fala diso mesmo, do humor. Un total de 30 autores reunidos en 100 páxinas para falar dos mecanismos que nos fan rir, descubrir cantos significados se lle poden dar a un mesmo chiste e pórlle cara a Jaimito, ao can Mistetas, aos de Lepe e ao inglés, o francés e o español, entre outras personaxes populares”.

¡Caramba! nace dunha visita do seu coordinador, o debuxante Manuel Bartual, ao Festival International de la Bande Dessinee de Angulema (Francia) no que, despois dunha visita reveladora á carpa onde se amosan obras de editores independentes e fanzines, decidiu facer a súa propia publicación.

E xa que ía facer o seu propio fanzine quíxoo facer arrodeado dos seus amigos e facelo ó seu aire, lonxe das maneiras das editoriais. Entre os autores podemos atopar a Alberto Guitián (Lugo, 1974) xunto a unha chea de colaboradores habituais da revista El Jueves e de de recunchos varios da internet como Albert Monteys, López Rubiño, Joan Cornellà, Mauro Entrialgo, Juanele , Rubén Fdez., Jorge Parras, Raúl Minchinela y Puño, Bernardo Vergara, Santiago García y Javier Olivares, Jorge de Cascante, Laura Pacheco, Sergio Córdoba y Juaco Vizuete, Manuel Castaño, Guille Martínez-Vela , José Luis Ágreda, Carlos de Diego, Luis Bustos, Juarma , Clara Soriano, John Tones, Paco Alcázar, Andrés Palomino, Néstor F. , Manel Fontdevila e Pedro Vera. Non falta ninguén! Ademais Bartual estivo acompañado na coordinación de Alba Diethelm.

Ademais da espectacular listaxe de autores e da particular idea de falar do humor dende o humor, ¡Caramba! inclúe unha serie de detalles que o fan unha pequena peza de coleccionista:

  • A portada, contraportada e lapelas, obra de Albert Monteys, recollen unha chea de situacións do humor físico máis clásico. Pasaredes un bo momento recoñecéndoas todas.
  • O interior da sobrecuberta é obra de López Rubiño onde explica con detalle como funcionan os chistes e porqué unhas cousas funcionan e outras non.
  • Os primeiros exemplares incluían chapas e pegatinas, pero as chapas esgotáronse rapidamente.
  • Xunto co fanzine vén un peculiar álbum de cromos (e os seus respectivos cromos) chamado ‘Holocausto Australopithecus’, realizado por David Sánchez .
  • Non sei se é así en todos, pero o meu incluía unha mosca de plástico. Adiviñades para que?

A primeira edición foi de 333 exemplares, que rapidamente se esgotou e por iso tiveron que tirar unha segunda de 666 que, inda que tardou un pouco máis, actualmente tamén está esgotada. A única forma de facerse con unha é ter a sorte de atopala nalgunha das poucas librarías especializadas onde se venderon ou xa de segunda man. O prezo é de 12 €, pero non desesperedes, que haberá un segundo número.

O mellor para non perder detalle e non quedar sen o teu nº 2 é seguir o blogue  ou o Twitter de ¡Caramba!

Foto | ¡Caramba!

 

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *