Os festivais (galegos) que veñen: xullo 2014

Sinsal San SimónChega o verán, chega xullo. O bo tempo, os días longos, a praia, ai! Os galegos volvémonos un pouco fineses e decidimos non saír de viaxe, non agora que o sol enche o ceo, non vivindo en Galifornia. Ademais, como marchar cando temos un mes cheo de festivais de música de todos os estilos aquí, sen saír fóra? Xullo vén cargado, cargado de música, tanto que en moitas ocasións teremos teremos que escoller e deixar fóra algunha das opcións… Aquí van algúns festivais (galegos) que veñen este mes de xullo:

Festival do Norte. Illa de Arousa (Pontevedra), 3-5 de xullo. O xa clásico festival de Vilagarcía, que hai uns anos era o responsable de inaugurar a temporada de festivais (celebrábase en abril ou maio), pasa este ano a datas estivais e cambia de ubicación. Dixemos xa por aquí varias veces que os festivais en illas molan… pois temos un máis! O Festival do Norte celébrase este ano na Illa de Arousa. No cartel están The Horrors, os divertidísimos Kakkamaddafakka, The Pains of Being Pure at Heart, Veronica Falls, We Have Band, Austra, The Wave Pictures, Russian Red, Wild Balbina e moitos máis. Aseguran que este ano será moito máis que música e falan dunha “renovación do concepto de festival”. Haberá que comprobalo! Os abonos están a 50€ (acampada incluída).

Reperkusión. Bemposta (Ourense), 1-13 de xullo. Outro deses festivais que son xa clásicos no verán galego. O Reperkusión trae este ano a Manu Chao, Muchachito y sus Compadres, Dirty Honkers, Terbutalina, Colectivo Bomba ou a Banda de Andrelo. Ademáis de música, claro, haberá espazo para teatro e circo, e actividades coma un obradoiro de malabares, ioga da risa e unha olimpíada de Malabares. Os abonos anda polos 30 euros con cámping ou, se sodes un grupo de catro persoas, 100 euros entre todos.

Portamérica. Porto Molle (Nigrán, Pontevedra), 17-19 de xullo. Xa non é un recén chegado. Portamérica celebra este ano a súa terceira edición, continuando con esa idea de ser un “encontro de música e ideas” e dando moita importancia a tender pontes entre continentes. Este ano traen a The Jayhawks (si!), Calexico, The Sonics, Andrés Calamaro, Natalia Lafourcade, Nada Surf (ademais, claro, de Iván Ferreiro, Love of Lesbian, Vetusta Morla e toda a tropa). Os abonos están a 45€, aproveita!

Festas do Apóstolo. Santiago de Compostela (A Coruña), 23-28 de xullo. Xa, xa, isto non é un festival, pero este ano o cartel está tan ben (porque, xa sabedes, veñen Belle and Sebastian!!) que non está de máis incluír estes concertos na lista. Ademais dos nosos escoceses favoritos, poderemos ver tamén aos Crystal Fighters, Los Planetas, Novedades Carminha, Vintage Trouble e Caxade. O prezo das entradas varía segundo o concerto.

Sinsal SON Estrella Galicia. Illa de San Simón (Pontevedra), 25-27 de xullo. O noso festival favorito trae algúns cambios este ano. Engádese un novo día, o 25, con cartel xa anunciado (Xenia Rubinos, Oso Leone, Throwing Shade, Jagwa Music e Frikstailers). Os outros dous serán coma sempre: cartel secreto que se repite ambos días. A outra novidade é a entrada de Estrella Galicia como patrocinador, así que podemos soñar con nomes grandes. O prezo das entradas depende de desde onde collas o barco.

Nordestazo Rock Festival. Malpica de Bergantios (A Coruña), 26 de xullo. O festival para amantes do rock volve este ano con Los Enemigos, Barón Rojo e El Drogas como cabezas de cartel. Ademais, estarán Ånima, Terbutalina, Monoulious Dop, Los Mecánicos e Antón DJ. O prezo da entrada anticipada é de 16 euros.

Shares

4 comentarios

  • JALO di:

    Cando dis “A outra novidade é a entrada de Estrella Galicia como patrocinador, así que podemos soñar con nomes grandes” e dixeches unhas liñas antes “O noso festival favorito”, eu pregúntome o motivo polo que o é. Claro! Os sombreiros de palla.

    Non mola (nadiña!), non é nada cool (iso que tanto vos gusta) e é absolutamente incerto tamén, asociar directamente (e sen volta) a grandeza das bandas ou proxectos musicais ao diñeiro. Acaso non houbo grandeza nas anteriores edicións de San Simón? Alt-J, Germán Díaz, Stealing Sheep, Hoquets, Al-Madar, Unicornibot, Caxade, 2us, Jane Joyd, Buke and Gase

    Este tipo de comentarios deixan clara a diferencia entre ter ollo/gusto/criterio e bailar co punto de mira roto entre os dicatdos do mercado.

    Que pena!

    • Claro, non quedou moi ben explicado. Sinsal San Simón foi sempre un festival fantástico e supoñemos que seguirá a selo, traian a nomes con moito caché ou non. En realidade referíame máis ao gracioso que sería que viñesen, por exemplo, Radiohead (por poñer un exemplo claro de caché) a un festival con cartel secreto. A calidade non entraba, porque sempre houbo e seguro que seguirá a ser así. Pero certo, só o pensei e non o dixen :)

  • Eu di:

    O Resurrection te un día en Xullo!

  • Mixigodo di:

    Coido que nas datas do reperkusión esqueceusevos un 1 no día da data de inicio (do 11 ao 13) :P

    Boa escolma! :)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *