
Un detalle do cartel desta edición da Vila do Libro
Dende hoxe e durante toda a fin de semana, Pontedeume está en festa. É unha festa lectora, porque estes días celebran a súa Vila do Libro, un punto de encontro no que o que se festexa é a literatura.
«Vila do Libro non é un festival literario ao uso nin, evidentemente, unha feira comercial», confirma Enric Bono, o director do proxecto. «Os tres piares que sosteñen esta iniciativa —o libro como vehículo de ideas e cultura, os oficios do libro como proxecto colectivo e a lectura como motor de comprensión e imaxinación— convértense en compases para entender o mundo que nos rodea», apunta. Por iso, cada edición é distinta, «desde o programa de actividades á ambientación» e aposta por cuestións que fagan pensar ou que sorprendan. «Poñemos o libro na rúa ou en espazos onde se producen encontros cotiáns cos cidadáns e xeramos un debate», explica. O libro está en forma e fondo, porque ademais de falar deles tamén se usan como artefacto decorativo.

Unha imaxe da primeira edición da Vila do Libro
Os libros e as actividades literarias toman así toda a vila durante uns días, xustamente a pé de terra. Están nas prazas, nas rúas e ata nos espazos ou comercios que non tiñan actividade. O responsable sinala que, mesmo se isto efémero (os libros só conquistan eses lugares o tempo que dura o encontro), serviron xa nalgunha ocasión como semente para novas iniciativas culturais. Un exemplo son as librarías de segunda man.
«Poñemos o libro na rúa ou en espazos onde se producen encontros cotiáns cos cidadáns e xeramos un debate»
Pero de onde vén a idea da Vila do Libro? Todo comezou en Cataluña e cunha reflexión crítica. «Como proposta cultural, e na súa orixe, a Vila do Libro xorde como unha resposta crítica á incapacidade de facer chegar actos de gran repercusión, neste caso centrados na literatura, fóra das grandes capitais e os circuítos comerciais», sinala o director do proxecto. A idea era que os libros e a literatura chegaran a todo o mundo, máis alá das recorrentes capitais nas que se concentran todas as cousas librescas. Querían poñer en valor «o mundo local, a súa identidade cultural e lingüística» e potenciar os recursos culturais e literarios. Isto é, a idea comprendeu as moitas facetas do libro.

A semente inicial estivo en Bellpart, hai 17 anos. «E esténdese durante anos polos territorios de fala catalá para chegar, desde hai un ano, a Galicia», conta Bono. «Galicia é un territorio literario, non só polo seu pasado, senón especialmente polo seu presente, cunha riquísima canteira de escritores e poetas e unha rede de editoriais independentes que loitan para enriquecer a literatura galega con propostas de calidade», explica.
Este será o segundo ano que Pontedeume celebra a súa Vila do Libro. A primeira edición «superou todas as expectativas de participación de público, facéndose patente o seu potencial e esperando o interese dos veciños e visitantes», cóntanos Bono. Saben que non se pode lograr o mesmo impacto vía repetición, así que esperan que esta segunda edición sorprenda de novo cunha axenda e unhas propostas novas.
A axenda de encontros literarios está chea de reclamos. O programa inclúe dende a celebración do aniversario de Castelao (este ano é o seu 75 cabodano) a diálogos sobre xornalismo e literatura, pasando por encontros literarios e espectáculos audiovisuais. E, por suposto, tamén hai postos das editoriais e das librarías, porque que festa literaria é festiva se non podes volver cargada de máis libros para o montón dos libros por ler? Por haber ata hai un xogo de misterio: tes que atopar os títulos que agochan os comercios de Pontedeume. En cada un deles hai pintas.
Pontedeume foi a primeira vila galega en ter a súa Vila do Libro, pero non é xa a única. Tamén Marín celebrou xa unha edición. Chegarán as Vilas do Libro a máis vilas de Galicia? «Esa é a nosa intención!», confirma Bono. Ao final, o obxectivo é que existan uns Camiños do Libro, un «eixo cultural» porque, como sinala o experto, «o libro e a literatura poden dinamizar economías locais, enriquecer identidades e fortalecer lazos entre persoas e comunidades».