Mira ao teu redor e escolle un obxecto calquera. Preguntácheste algunha vez quen o deseñou e como, cales foron as decisións que houbo que tomar, que versións se descartaron e por que, ou a distancia entre o primeiro bosquexo e o produto final? Desa curiosidade nace en parte Proxectar, un «espazo de conversa sobre deseño e creatividade» que se celebrará os vindeiros 18 e 19 de xullo (é dicir, este venres e sábado) entre as 20 e as 22 h en Nigrán (Pontevedra). Os relatores protagonistas serán o deseñador británico Jon Marshall, o vigués Tomás Alonso, a ceramista nigranesa Paula Ojea e o estudo de arquitectura compostelán Estar.

Tomas Alonso deseñador industrial afincado en Londres
«A idea é falar dunha soa cousa, dun só proxecto, pero dedicándolle moito tempo», conta Andrés Fraga, impulsor da iniciativa e fotógrafo especializado en deseño e arquitectura (e, si, cofundador deste humilde e agonizante medio que de verdade sempre queremos devolver á vida e autor das mellores fotos que o habitan). Normalmente, ao ver presentacións ou explicacións de deseños, «atopas que se lle dedica moi pouco tempo a cada un, hai moitos detalles moi pequeniños que non se ven ou non saen á vista». Proxectar busca darlles aos deseñadores participantes esa plataforma, darlles tempo e a oportunidade de contar «esas cousas que che contan cando viaxas con eles ou fas fotos dos seus deseños», asegura. Terán uns dez minutos para presentarse e, despois, entre trinta ou corenta minutos para falar dun proxecto. Haberá tamén un coloquio cun tempo reservado que se respectará para falar sen présas.
Da produción ás escalas
O reparto de ponentes entre as dúas xornadas non é aleatorio. «O primeiro día veñen John e Paula e parte da idea é falar da produción ou fabricación deses deseños. Como ceramista, Paula é unha deseñadora que ten a capacidade de producir. E Jon é o perfil de deseñador que en moitas ocasións nin sequera fan a parte de enxeñería, que non tería que preocuparse do que pasa despois, pero el vai a China a visitar as fábricas que fagan falta, ten sempre curiosidade por ver ata que nivel chega», explica Andrés.
Ambos teñen un currículo bastante impresionante. Marshall foi cofundador do coñecido estudio Map e é socio de Pentagram dende 2018, ten traballado con grandes marcas como Google, IBM ou UEFA; e con pequenas start-ups, como Ambessa ou Yoto. Segundo explican na nota de prensa, «o seu deseño busca o balance entre a funcionalidade e a sinxeleza, sempre sobre unha base de sustentabilidade» e ten «múltiples premios internacionais, como o IDSA, o D&AD e o Pentawards». En canto a Ojea, que se iniciou na cerámica de nena na escola municipal de Nigrán, estudou Enxeñería de Camiños, Canais e Portos, e formouse e exerceu coma tal en Nova York, Londres e París. En 2015, montou o seu estudio de cerámica, Ojea Studio, onde aplica nas súas creacións metodoloxías e procesos de deseño propios de seu pasado como enxeñeira. É Premio Nacional de Artesanía.

Jon Marshall, deseñador industrial socio da axencia internacional Pentagram
O fío que une aos relatores da segunda xornada é o dos espazos e a escala. «Tomás é deseñador de produto, deseñador industrial puro e duro, pero deseñou espazos e fixo tendas para Camper, por exemplo. E Estar, que son deseñadores de arquitectónicos, teoricamente de espazos, pero en moitos dos seus traballos chegan a deseñar os mobles, en moitos dos seus proxectos baixan a un nivel de escala que é de deseño de produto», explica Andrés Fraga.
Tamén neste segundo día hai bo pedigree: o vigués Tomás Alonso pasou case unha década estudando e traballando por EEUU, Australia e Italia antes de formalizar os seus estudos de deseño no Royal College of Art. A súa visión do deseño, cunhas formas moi limpas e que xa encandilou clientes como Hermès ou Arita, está moi fundamentada no contraste entre materiais e no respecto ás súas características. En canto a Estar, é un estudo de arquitectura, paisaxismo e territorio fundado por Aurora Armental e Stefano Ciurlo en 2011 en Santiago de Compostela. Os seus proxectos destacan por esa variedade de escalas da que falabamos antes, que vai do territorio ao detalle construtivo, e polo enorme respecto polo existente e pola sostenibilidade nos seus sentidos máis amplos. Os seus proxectos están en Galicia, pero tamén por Suíza, Dinamarca ou Panamá.

Paula Ojea, deseñadora e ceramista fundadora de Ojea Studio
O espazo: o ximnasio do cole de Nigrán
Onde terá lugar Proxectar? Nun espazo, cando menos, orixinal: o ximnasio do CEIP Humberto Juanes, en Nigrán (Pontevedra). «Quixen facelo en Nigrán porque é casa, é onde vivo», explica Andrés. Tamén hai algo de rebelión. «Neste sector —o deseño— sempre hai lugares aos que tes que ir: hai que ir a Milán, hai que ir a Londres e hai que ir a Copenhague. Pero se vives nun sitio pequeno, sen moita facilidade para ir a eventos guais, pois a outra opción é traelos». En Nigrán está tamén o polígono de Porto do Molle, «que é moi potente. E o deseño industrial necesita industria», sostén.
En canto á elección de facelo no cole, foi a opción que máis lle convenceu das que presentou o Concello de Nigrán. «Buscábamos un lugar especial, e é un espazo que está moi ben, que ten moita luz. A min sempre me gustou o edificio. E facelo nun cole vai na liña do que queremos: contar cousas, aprender», sinala.
Así que xa sabes: 18 e 19 de xullo, de 20 a 22 h. As entradas custan 10 euros por separado, pero se queres ir os dous días hai bono de 15 euros. Podes mercalas aquí.

Estar Arquitectura. Estudio de arquitectura e paisaxe con sede en Santiago de Compostela