Detour: espiando as Moleskine de artistas famosos

Moleskine Detour

O poder de atracción que exercen as Moleskine é moitas veces difícil de entender. Se o pensas ben, se logras desfacerte de todo o revestimento de culto que teñen estes cadernos, rematarás cunha conclusión pouco fácil de aceptar para ti, que tes varias Moleskine no teu haber: non deixan de ser cadernos de notas extremadamente caros. Para todos eses usuarios de Moleskine que se atopan neste difícil momento no que finalmente ven a luz, ‘Detour’ pode ser a escusa perfecta para seguir utilizando os cadernos. Se Spike Jonze utiliza Moleskines, eu tamén.

‘Detour’ é un proxecto de Moleskine en forma de exposición itinerante na que as libretas pasan directamente a ser obxectos artísticos (supoñendo que non o fosen xa, con todo o deseño que levan detrás e que dalgunha forma explica o seu prezo): en Moleskine quixeron saber como utilizan os seus cadernos distintos artistas de todos os ámbitos, así que contactaron con eles e estes enviaron as súas Moleskine, que agora se poden ver en varias exposicións.

“Detour é unha pequena peza da viaxe Moleskine, onde historias entrelazadas se xuntan”, explican na web do proxecto. A colección de cadernos anda polas 250, con nomes coma o de Spike Jonze, Jonsi de Sigur Ros, Javier Mariscal, o deseñador Christian Lacroix ou a fotógrafa Mary Ellen Mark. E as Moleskine mostran un pouco de todo: moitas conteñen só debuxos, outras anotacións e hai algunha que ata incorpora obxectos pegados. A maioría, como xa imaxinaredes, foron decoradas polos artistas con motivo da exposición, pero tamén hai algún que entregou un caderno vello.

As exposicións, que de momento xa se teñen celebrado desde 2006 en Londres, Nova York, París, Berlín, Estambul, Tokyo, Venecia, e Shanghai (próxima parada: Sao Paulo), teñen ademais un extra para quen se queira sentir tamén artista: os visitantes poden entregar as súas propias Moleskine decoradas. Un xurado especial escolle as máis enxeñosas, que serán expostas na seguinte parada da exposición, ademais de nunha galería online.

Para os fans do proxecto que non se ven viaxando a Sao Paulo o ano que vén, Moleskine vén de publicar un libro, ‘The Detour Book: The Moleskine notebook experience’, que reúne os 250 cadernos da colección. Estes son os nosos favoritos.

Detour Exhibition – Roberto Caracciolo & Luigi Gallo from Moleskine ® on Vimeo.

Detour Exhibition – Kazuo Kawasaki from Moleskine ® on Vimeo.

Foto | Moleskine

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *