Moonman: as fotos que non vimos do home na Lúa

Chegou o ser humano algunha vez a pisar a Lúa? As versións oficiais din que si e todos temos na cabeza a imaxe de Neil Armstrong baixando da nave e dicindo as palabras máxicas (aínda que el non foi o primeiro, xa sabedes), pero moitas teorías da conspiración aseguran que todo foi gravado nun estudio de cine, que tan só foi unha montaxe para foder á URSS, que era o que había que facer naqueles días. Sexa como sexa, hai algo que a nosa imaxinación bota en falta moitas veces ao pensar na presencia humana no espazo exterior: imaxes de calidade.

Iso mesmo pareceu pensar o ilustrador e deseñador Stephen Johnson e, armado cunha cámara de fotos, decidiu poñerlle fin a ese baleiro. Dunha forma sinxela e orixinal: colleu unha diminuta figuriña de plástico dun astronauta e empezou a sacarlle fotos en distintos lugares como árbores, setas ou parafusos. O resultado é un delicioso traballo fotográfico que, grazas a xogos coa escala, permite obter unha nova perspectiva sobre elementos e paisaxes que estamos fartos de ver.

Na web din que Moonman (o intrépido astronauta) é “un colonizador curioso”, e tamén algo distinto. “Ao contrario que os seus orgullosos irmáns plantadores de bandeiras, el é precavido e tímido, aínda que tamén aventureiro”. Aquí xa estamos namoradísimas de Moonman e das súas viaxes. Podedes seguilo no seu blog e podedes ata mercar un póster dalgunha das imaxes para ter unha ventá ao novo espazo exterior nas vosas paredes!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *