Aprende a cociñar como un bo moderno: ‘Cocina indie’

tarta de requesón, cocina indieHoubo unha época na que os escaparates das librerías estaban cheos de libros de monxas cociñeiras (lembrade, foi un auténtico boom aquel das monxas que facían biscoitos e outros doces) e no que se eras unha rapaciña contemporánea non podías ir por aí contando que o de cociñar che encanta, que é algo super agradecido e que ben paga a pena cando se ten un anaco preparar algún prato con nome interesante. Pero dun tempo a esta parte, os libros de cociña foron evolucionando. Cada día hai unha oferta máis variada, máis divertida e menos maruxil, que vai máis alá desas monxas cociñeiras e das mil receitas de Simone Ortega. Blogs e sites de receitas, libros máis curiosos e un cada vez maior interese están poñendo á cociña no centro das cousas xeniais que pode facer cada un. Xa podes confesalo: encántache (encántame) facer diferentes pratos.

E no medio de toda esta nova xeración cociñeira chega un libro que presenta unha mestura perfecta: divertidos (e riquiños) debuxos, recomendacións musicais (que seguro que conseguen o aprobado da nosa crítica musical máis severa), historias e sobre todo receitas sinxelas de facer e bastante sabrosas. É ‘Cocina indie. Recetas, dibujos y discos para gente diferente’, de Mario Suárez e Ricardo Cavolo, a solución para cociñar que ti, querido hipster, estabas a buscar. Nós fixemos un test cociñando unha troita on fire, unha das receitas, e podemos confirmar que o resultado é estupendo. Os pasos son sinxelos e o conseguido bastante delicioso, gracias a un receitario que tira de pratos sacados das receitas de “tías e avoas”.

Gazpacho, de Cocina indie

“Cociñar non é de viejunos!”, dinos taxante Mario Suárez, un dos coautores, cando lle insinúo que ata agora os amantes da cociña calábamos para non ser acusado de ser tal. “Cociñar é algo cool e sempre o será. A nosa xeración leva unha vida moi rápida, pero ten educado o padal e quere comer ben sempre que poida. Botábase en falla un libro de cociña para todos aqueles aos que nos gusta cociñar e tamén nos engancha a música, os concertos, os festivais, o arte, a literatura…”. E engade que “cociñar é algo cool dende o momento no que queres que o sexa”. ‘Cocina indie’ tamén axuda. A miña troita on fire está ligada a ‘The Suburbs’, de Arcade Fire, pero tamén hai receitas para Bjork (unha ensalada de arenques), para Benjamin Biolay (ratatouille, obvio) ou para Belle&Sebastian (unha torta de cereixa para sinistros). E tamén, e isto chegoume ao corazón, un pudin à la Baudelaire.

espaguetis al a benicassim cocina indieO receitario non leva fotos, así que non hai a presión da imaxe e do ‘tenme que saír así’. Cada receita leva unhas ilustracións moi divertidas de Ricardo Cavolo, polo que dá un pouco de medo internarse na cociña co libro (que libro de cociña non acaba salpicado de aceite, enfariñado e con restos de choculate dalgunha torta?). “Os libros de cociña son para ensuciarse na cociña”, apunta Mario Suárez, “e con este libro podes facer as dúas cousas, ou cociñar ou gozalo como unha xoia de ilustración que tamén o é”.  Ricardo Cavolo dános permiso para manchalo canto queiramos. “Eu sempre crin que os libros son para usalos e reutilizalos”, explica. “E máis aínda un que serve para facer algo produtivo, como é o caso dun libro de receitas de cociña”. As manchas son, defende con bo humor, “a marca indeleble de que realmente estase a usar o libro. E ao mellor aínda gañan ata os debuxos!”.

O libro dá unha guía para facer primeiros, segundos, sobremesas e un cóctel (haberá máis na segunda parte do libro, prometen) e trae un glosario moi útil para que aprendas a cortar ben as verduras e similares (unhas pataquiñas sorrintes e similares demostran de forma gráfica que agardan que fagas con elas) e a lista de cousas que non deberían faltar na túa cociña.

*Cocina indie. Recetas, dibujos y discos para gente diferente está editado por Lunwerg en castelán (é a versión orixinal). En galego recomendamos un clásico contemporáneo: os libros da Cociña dos Larpeiros (en Editorial Galaxia, cun CD con cancións tradicionais do mundo da comida no libro Novas receitas da cociña de Larpeiros! Gústalle aos hipsters e gústalle á túa avoa. E as receitas son ben ricas. 

Ilustracións | cortesía Ricardo Cavolo 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará