As novas guías de viaxes son ‘insólitas e secretas’

Cemiterio de mascotas, Hyde Park

Cada vez son máis os que están fartos de ir aos mesmos museos que todos os turistas que visitan a cidade, de facer as mesmas paradas que todo o mundo e levar para casa a foto que todo o mundo fai e dende o mesmo ángulo. As guías Lonely Planet xa ofrecían unha visión diferente dos lugares turísticos, subliñando cousas que a outros pasábanselles ou incluíndo datos completamente diferentes sobre os monumentos que todo o mundo ve. O mercado das guías está intentando cubrir a demanda de todos eses novos turistas que procuran algo diferente: e iso é o que fan as guías ‘insólitas e secretas’ de Jonglez, o último habitual das seccións de guías e viaxes das grandes librerías.

A editorial, francesa,  fundouna un viaxeiro, que acostumaba a facer viaxes diferentes e que quería encontrar cousas sorprendentes nas cidades ás que viaxaba. As diferentes guías escríbenas habitantes dos lugares retratados, que coñecen de primeira man os recunchos dos que falan. E aínda que, por exemplo, a de Madrid abusa das igrexas, a de Londres é realmente sublime, dando indicacións para facer cousas tan extravagantes e sedutoras como ir a unha clase escolar que segue as pautas da educación da época vitoriana, participar nunha reunión de bigotudos ou percorrer o museo dos pallasos.

Están en francés, alemán, inglés, italiano, castelán, portugués ou neerlandés, recollendo diferentes cidades de Europa.

Foto | pcambraf

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *