Museos que rompen a rutina: dúas propostas

* Colaboración especial de Antón Pardo

Exposición no  Museo Provincial de LugoSe cadra tamén vós tendes eses dous ou tres museos aos que vos achegades, de cando en vez, os domingos pola mañá. Todos os centros teñen o seu público de referencia, espectadores que, levados ata alí pola guía da viaxes, a visita guiada ou polo simple hábito, pasean distraidamente polas salas. Rutinas nas que miramos sen ver.

Por iso nos gusta tanto que algúns museos galegos traten de romper con esta dinámica, empregando os recursos da arte contemporánea para activar as súas coleccións, para ampliar públicos e sorprender aos visitantes habituais. Por exemplo, no Museo do Pobo Galego (no santiagués barrio de San Pedro, para os máis despistados) tendes ata o día 11 unha mostra con fotografías de José Paz, que conviven na mesma sala con fondos patrimoniais do propio museo. As pezas, varias delas cedidas polo veciño Centro Galego de Arte Contemporánea, rescatan da nosa paisaxe ritmos rituais, anacos de memoria, pegadas da convivencia secular entre home e natureza, nunha operación moi similar á que realiza nas súas coleccións o propio museo.

Máis interesante nos parece aínda a iniciativa do Museo Provincial de Lugo, que permitiu a Jorge Perianes e ao comisario Rafael Lens invadir, literalmente, algúns dos espazos nos que se amosan as  coleccións. A exposición é o segundo dos Diálogos nos que novos artistas galegos xogan cos fondos do museo. A relación entre o artista e o contexto é aquí moito máis marcada: trátase de obras adaptadas ou concibidas especificamente para a exposición, e, na liña dunha certa crítica institucional, a súa forza provén da interacción co lugar no que se sitúan (lugar físico e lugar do sentido) máis que da peza en si mesma.

Que non vos espante a descrición: Perianes é un artista sempre divertido, que nos seduce con recursos escenográficos e cun humor absurdo, para logo abraiarnos cos paradoxos lóxicos e perceptivos que se agochan no corazón das súas obras. As súas intervencións no museo veñen co inconfundible aroma do surrealismo (xa sabedes, o encontro casual sobre unha mesa de disección dunha máquina de coser e dun paraugas) e coa intención de desvelar o que se atopa detrás, diante ou despois do obxecto como peza de museo.

Exposición de Perianes no Museo Provincial de Lugo

Unha rotura, vaia, coa imaxe ríxida, inmutable e inatacable de templo do saber, esa que aínda fomentan ás veces os propios museos, (mal)educando ao espectador e converténdoo nun educado e aburrido ser pasivo. Só así se explica que algúns dos visitantes non amosen a máis mínima reacción ao descubrir, por exemplo, as formigas (tranquilos, son figuriñas) que invaden con total impunidade algunhas das vitrinas dun museo. Para descubrir o resto de maldades de Perianes, mellor visitades a expo ata finais do verán ou botades un ollo ás fotos que vos mostramos.

Fotos | Museo Provincial de Lugo e Museo do Pobo Galego

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *