
COIDADO! AS MAIÚSCULAS PODERÍAN ESTAR EN PERIGO DE EXTINCIÓN!!
Levamos anos (décadas!) explicandolle á xente de máis idade que non se pode escribir todo en maiúsculas porque sería como estarlle contando iso a alguén pero berrando. Tamén levamos tempo vendo notas pasivo-agresivas de comunidades de veciñanza escritas co bloqueo de maiúsculas activado. Podería parecer que as maiúsculas están máis vivas que nunca, pero o certo é que non. Están perdendo brillo e emoción. Estanse a pasar de moda. E a culpa é… como non! da mocidade.
Agora que o equipo detrás deste medio xa non formamos parte da xuventude, podemos escribir longos artigos falando dos graves problemas existenciais aos que a xente nova nos está empurrando. Un deses é, xustamente, a desaparición da correcta escrita das palabras pola tiranía das letras minúsculas (o horror e o espanto!). A Xeración Z (esa mocidade que máis pronto do que pensa pasará ela tamén, coma nós, a ser señoras de mediana idade) decidiu que as maiúsculas están out e só usa minúsculas cando escribe.
Por suposto, é unha decisión que ten a súa explicación. De entrada, as minúsculas parécenlles moito máis relaxadas e menos agresivas, moito máis propias para unha conversación informal. «Cando empezo usar as maiúsculas, séntese como se estivese intentando deixar claro que penso con máis intensidade da necesaria», dille a The Guardian unha desas mozas que abrazou as minúsculas.
Para continuar é unha extensión da cultura do «sempre online» do século XXI, como apunta outro artigo sobre a cuestión (este na edición británica do xornal Metro escrito, en sintonía, usando só letras minúsculas). Foi permeando de como escriben nun sistema de mensaxería ou rede social a outro e así ata se converter na norma.
Tamén impacta que lles resulta máis atractivo ver todo así escrito (sería máis aesthetic, que lle din) e, non menos importante, que a mocidade sempre, sempre innova coa linguaxe, sexa coa forma, con fondo ou co que toque. A xuventude (e, en concreto, as mozas) é a tradicional gran innovadora lingüística, incorporando elementos que logo acaban chegando a outras xeracións e pasando a ser a norma.
A morte das maiúsculas empeza xa, de feito, a saír das conversas informais da Xeración Z para entrar no mundo do consumo. Billie Eilish e Olivia Rodrígo puxeron en minúsculas os títulos das cancións dos seus últimos discos (non só o seu público principal é a mocidade, elas son novas tamén) e Spotify xa comezou a usar un todo minúsculas nas súas listas oficiais de cancións.
Se segues escribindo en maiúsculas e minúsculas estaste desvelando, igual que cando non levabas os calcetíns correctos, como a millennial pasada de moda que es.