O parasol volve

Parasol

A primeira vez que vin xente levando paraugas a modo de parasoles que non foran turísticas asiáticas foi o pasado verán en València. Era agosto, ía unha calor desesperante (lección aprendida: ningún lugar do centro ao sur da Península é sobrevivible no verán) e pegaba con forza o sol. O meu sombreiro e as capas de crema solar resultaban escasas e o par de persoas coas que me cruzaba co seu parasol parecían as máis espelidas. Entón desexei ter a seguridade suficiente para ser quen de saír á rúa no pleno verán e sen unha gota de chuvia cun paraugas aberto.

Un ano despois, aínda non me atrevín a dar ese salto (e non será porque non nos estivo pegando o sol a cachón en Galicia), pero o zeitgeist empeza a ser moito máis proclive á idea. Teño probas.

Parasol

Primeiro, unha das miñas amigas pasoume unha das publicacións en Instagram da creadora Carmen Pacheco, na que confesa que non concibe como sobrevivir «as explanadas de cemento de Madrid que non sexa ao resgardo dun parasol». A verdade é que a podo comprender. Eu crucei a Porta do Sol en maio e xa me pareceu unha operación de alto risco ante o sol e a ausencia de sombra. Todos os telexornais e xornais sacaron no que levamos de verán algunha reportaxe explicando as condicións terribles do lugar, nas que é imposible non recocerse.

O certo é que o Sol madrileño ten irmáns en moitos outros lugares, porque a paixón polo formigón armado foi unha das pulsións que compartiron os alcaldes españois das últimas décadas. Atravesando a peonil e homónima Porta do Sol de Vigo nas proximidades do mediodía eu tamén pensei moitas veces no moito ben que nos faría alí unha sombra.

Posiblemente non fun a única, posto que —e este é o meu segundo punto que confirma o revival dos parasoles— xa La Voz de Galicia sacou un artigo sobre como Vigo «autoxestiona a sombra» e como xa se empeza a ver pola cidade a xente levando paraugas para enfrontarse ao sol. Eu confeso que aínda non vin ninguén (en Santiago sei que xa é posible mercar algunhas cousas antisol coreanas e xa vin xente con accesorios para facer sombra, pero eran máis ben seguro turistas), pero certo é que xa se venden na cidade paraugas con protección raios UV. O xornal apunta unha tenda de paraugas e maletas da rúa García Barbón e eu fun confirmar o avistamento e alá que os teñen no escaparate.

Se xa chegaron ás tendas de barrio é porque hai interese. As grandes marcas xa os venden. Pacheco conta que ela mercou o seu en Uniqlo. Tamén os hai no máis pedestre Decathlon. En todos os casos os paraugas usan como reclamo a súa capacidade para protexer contra os raios solares.

Parasol

A moda confirma que o sol cada vez nos preocupa máis (un estudo deste verán de Stanpa xa sinala que o 78% da poboación española xa prioriza a protección fronte a poñerse morena), pero tamén como está o estado do mundo. Ao fin e ao cabo, non estaríamos pensando en rescatar parasoles, como no tempo da Belle Époque, se non tiveran desaparecido as sombras das rúas nunha recta final do século XX e un arranque do XXI no que parecía que toda árbore urbana estaba de máis e se a emerxencia climática non estivese en paralelo creando en paralelo un escenario no que se cocer nun paseo calquera non fose cada vez máis habitual.

Imaxes | Rawpixel

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *