Arte pública en Rianxo

Varias son as vilas e cidades de Galicia que están enchendo as súas rúas de street art como un modo de singularizarse, reinventarse ou converter directamente as súas rúas en galerías abertas ao público todo ano e todos os días (e sen custe). Unha delas é Rianxo, que acaba de pechar a edición 2025 do seu festival Viladomar e que conta agora con catro novas obras de arte pública nas medianas de catro edificacións e que se suman ás algo máis de dúas decenas de obras que xa existen na zona. Segundo apuntan na nota de prensa de presentación destas catro obras, todas teñen en común que son «unha aposta colectiva marcada pola identidade, o territorio e a linguaxe contemporánea».

As novas obras son:

Esfixe, de Xoana Almar. Está na escola unitaria CRA do Pazo e é «unha peza cargada de sensibilidade e estilo propio», que usa formas abstractas e imaxinativas.

Eu quero o gaiteiro da muller, de Yoseba MP, que homenaxea ao dúo Os Rosales de Asados usando unha estética de realismo pop. Está ao lado da capela de Santa Lucía.

Aquí hai de todo, de Lúa Gándara, que usa a abstracción para capturar o ritmo das conversacións da veciñanza. Tamén se pode ver na escola unitaria CRA do Pazo.

Nasa Buey Conection, de Pelucas Bubbles, na rúa Loureiros. Un «universo onírico, libre e salvaxe, no que conviven figuras mutantes, patróns imposibles, humor ácido e imaxinarios colectivos».

Fotos | cortesía festival Viladomar 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *