Festival Nun Local ou como o Casco Vello de Vigo se encherá de arte

Festival Nun Local

Unha das cousas que máis nos chaman a atención ao viaxar ao estranxeiro e pasear por cidades desas que cremos perfectas é que moitas veces teñen un “barrio artístico” ou un “distrito das artes”. Unha zona da cidade chea de galerías e eventos artísticos, o lugar ao que ir para ver música en directo, para asistir a obras de teatro independentes, para sentir que a arte nos rodea. Se tivésemos iso na casa, pensamos. Esta fin de semana en Vigo haberá algo similar.

Do 7 ao 9 de novembro, é dicir, de venres a domingo, terá lugar no Casco Vello de Vigo a primeira edición do Festival Nun Local, que encherá establecementos de todo tipo de música, danza, teatro, cine, exposicións e ata espectáculos de humor. Un esforzo enorme por parte dunha organización que conseguiu poñer dacordo a 30 locais da zona (e hai moito bar e restaurante, pero tamén tendas de artesanía, roupa ou flores) para acoller nos seus espazos aos artistas e ao público asistente e, por un día, facer algo diferente.

“O festival ten como obxectivo principal crear unha plataforma para as artes e a cultura e amosar que as salas grandes non son os únicos sitios onde se pode actuar, expoñer e tocar”, asegura Edi Morgan, o impulsor do evento, na web do festival. Levando a cultura a lugares frecuentados como bares e tendas, asegura, intenta “poñela ao alcance de todo o mundo”.

As actuacións serán de entrada libre, pero desde a organización apuntan tamén que o festival está financiado polos propios locais e pola vontade da xente. É dicir, que cando pasen a gorra (ou o método que escollan para recadar cartos do público, nunha especie de “crowdfunding en directo”), non sexades agarrados. Están cubertos os gastos para pagar aos artistas (é o que poñen os locais), pero todo o resto da organización non.

O festival comezará o vernes ás 20:30 horas coa actuación da banda Hot Air Balloon no Ferry, o sábado será todo o día, desde as 12:00 (The L’Adelines Garden en Gardinea), e o domingo tamén (empezará ás 13:00 na Vinoteca Buqué con Abelardo y su farfana), pero o mellor é que consultedes o programa completo na web de Festival Nun Local. Hai preto de 40 eventos en total, podes facer a ruta que máis che interese. Como nun festival normal, vaia.

A idea parécenos fantástica e esperamos que esta sexa a primeira edición de moitas. Aínda non empezou e nós xa somos fans de Festival Nun Local!

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *