Romaría Pop 2013 en fotos: modernos e churrasco

“Non hai churrasco para tanto moderno”, dicía un tuit de @Tuitfer o pasado sábado. Falaba, por suposto, da Romaría Pop, que por segundo ano encheu unha zona do Parque de Belvís en Compostela de varias xeracións de modernos (de dúas, en realidade, os que rondamos os 30 e os menores de cinco anos, o que nos fai preguntarnos se non hai modernos adolescentes ou de vintepoucos, saltouse a modernez unha xeración ou simplemente esta xente vai aos seus propios saraos sen nenos e sen “vellos” -entendible desde o seu punto de vista, por outra banda? Aí queda a reflexión). A oferta era máis ampla que o ano pasado en todo: máis postos na feira, máis concertos, máis obradoiros… e máis cola para comer.

 

A nosa crónica é obrigadamente incompleta: pasamos o día coidando do noso querido photocall e agochados baixo a sombrilla, dando de cando en vez algún paseo para ver que se cocía polos distintos escenarios, que ofrecían os distintos postos da feira (moitos discos, moita roupa, moito accesorio, moita arte e moita segunda man), e que demo facían todos eses nenos xogando con instrumentos de xente maior (facían cousas marabillosas e experimentais, claro). Ademais das obrigadas visitas á barra para conseguir cervexa e o momento churrasco: a cola era enorme, pero despois sabía aínda mellor.

Empezamos á mañá mirando pola fiestra antes de saír da casa e maldicindo unha vez máis a Meteogalicia, que parecía ter mentido: o ceo non era azul, senón gris, e as temperaturas estaban lonxe dos 27 graos prometidos (máis de 10 grados por debaixo!). Pero rápidamente a cousa cambiou: cando as nubes desaparecían, o sol pegaba con moita forza. As sombras empezaron a ser un ben moi prezado (nós intentamos facer negocio coa nosa, pero sen éxito) e a inxestión de líquidos fríos imprescindible para a supervivencia. E, maldita sexa, non trouxemos crema para o sol?

E pouco a pouco, Belvís foise enchendo de modernos: gafas Wayfarer, sombreiros de palla, beizos pintados de vermello, cada vez menos flequillos (van desaparecendo), pantalóns pitillo, camisetas de grupos, cazadoras vaqueiras. O paraíso de calquera trendhunter que quixese saber como está a moda da rúa no sector hipster galego. Está así. A ser posible cun prato de polbo ou churrasco na man para un look completo.

Pero deixémonos de contar cousas que en realidade é mellor ver. Nun momento da tarde mandamos ao noso fotógrafo a facer un percorrido polo parque e facer fotos, deixando o photocall abandonado por uns minutos. Este é o resultado. A Romaría Pop en imaxes (non son moitas, sabémolo!). O ano que vén queremos outra!

Shares

1 comentario

  • vane di:

    Moito moderno si!!! Ja ja os nenos de vinte ..creo eu que non queren vellos jaja. E como saen por a noite pois o dia aproveitan para durmir. As tendencias moi cool na romaria.gustanme!!! Ana. da gusto seguirte!!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *