Novelas, crónicas e moitos máis libros para a rentrée

rentrée literaria galega

Lembrades a sensación de anticipación cando escribiades a cara dos Reis Magos? Era unha mestura de, primeiro, a amplitude de todo o que era posible (non imos analizar agora como os catálogos de xoguetes son unha porta de entrada ao consumismo e só quedar co bonito) e, segundo, a felicidade de pensar no que acabaría chegando a casa. É unha sensación difícil de sentir de adulta, porque xa sabes que non hai maxia en ningunha cousa. Para min, un dos momentos nos que sinto algo similar é a rentrée.

Empecei a gozar da rentrée cando escribía no finado Librópatas, que penso tamén que foi a época na que se comezou a empregar masivamente o termo francés (a rentrée é un fenómeno moi francés, no que as editoriais concentran os grandes lanzamentos no momento do reinicio do curso, cara setembro). Foi daquela cando comecei a recibir os catálogos de novidades, tanto das grandes editoras do Estado como das máis pequenas e independentes.

Sigo recibíndoos e son, so pena de parecer unha persoa de vida aburrida, un dos highlights do meu verán. Chegan primeiro a finais de xullo, antes de que a xente de comunicación marche de vacacións (intentade pechar unha entrevista en agosto e veredes que páramo…) e logo retornan a finais de agosto/principios de setembro como recordatorio. Paso relixiosamente as páxinas dos pdfs vendo que van traer e emocionándome coas cousas que me gustan. De feito, fago un percorrido que vai máis alá do que me interesa como xornalista e entra xa no que quero ler como lectora. Agora non escribo millóns de listas de libros como no tempo de Librópatas, pero mentalmente continuo a facelas. É a miña carta aos Reis Magos das lecturas.

O dos pdfs masivos é algo que fan, máis ben, as editoras estatais e non as galegas, pero iso non quita que non exista tamén aquí unha rentrée (e si, dende unha das editoriais confírmanme que hai cada vez máis interese tanto entre o público lector como entre os medios de comunicación pola rentrée galega) e que eu faga as miñas listas mentais do que quero ler. Este ano escribín a unhas cantas editoras e percorrín as webs doutras buscando novidades que chegarán para o peche do ano. Aquí vai unha lista do que nos vai traer (en parte) a rentrée. Non están todas as editoriais nin todos os libros (o malo de facer listas é que é imposible abarcar absolutamente todo), pero iso garante que aínda nos quedarán sorpresas de aquí ao peche do ano.

Ensaio/non ficción

Todas as listas que publicamos os medios de comunicación (sexan cales sexan eses medios) teñen moito de subxectivo. Mesmo se queres ser ecuánime, o que che interesa acabará entrando e, seguramente, tendo posicións prominentes. E a min interésame a non ficción. Por iso vai ser o primeiro xénero polo que faremos un percorrido.

Xerais vai lanzar un título moi conectado coa actualidade das últimas semanas, unha incorporación para a lista de lecturas repousadas sobre os incendios forestais. Chega xa esta semana a librarías e titulase Lume. Análise social dos incendios forestais, das sociólogas Elvira Santiago Gómez, Carmen Rodríguez Rodríguez e Ariadna Rodríguez Teijeiro. Aborda tanto de onde vén o problema como como deberían ser as solucións.

Un pouco máis haberá que espera para ler O país invisible, de Arturo Lezcano, sobre a emigración galega a América. Será o primeiro libro en galego que publique Libros del K.O. Como me explican dende a editorial, o galego é a lingua orixinal na que se escribiu o libro, que foi traducido polo seu autor ao castelán. Sacarano nos dous idiomas, pero en galego chegará a librarías antes (27 de outubro) «unha decisión meditada para darlle vantaxe comercial á versión en galego respecto á en castelán». Esta incursión no galego será única (dende a editorial confirman que non teñen previsto publicar en principio nada máis en galego). Xa publicaron tamén uns cantos libros en euskera.

A isto hai que sumar un par de libros interesantes que saíron cara a fin da tempada anterior e que son atractivos engadidos para as listas de lecturas de non ficción. Alvarellos publicou os Diarios de Syra Alonso, que recollen as experiencias na Guerra Civil e no exilio desta muller fascinante (propietaria dunha libraría vangardista na Coruña e moderna dos anos 20 e 30) e que son completados con textos expertos que contextualizan a lectura. Galaxia lanzou As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo. 1885-1936, de Camen V. Valiña, que usa material de arquivo (expedientes médicos, cartas…) para reconstruír a vida destas mulleres atrapadas no psiquiátrico de Conxo.

Este ano é o do aniversario do nacemento de Jane Austen e iso chama a novidades. Xa vos contaremos máis un pouco máis adiante.

Literaria

O máis forte na rentrée é o que chega para as coleccións literarias: a novela é o prato forte nas mesas de novidades e é tamén a raíña das proxeccións das editoriais.

As traducións veñen cargadas de libros aos que lle tiñamos ganas de ler. Rodolfo e Priscila publican A praza do diamante, o clásico da literatura catalá de Mercè Rodoreda (nunha tradución de Pilar Vilaboi Freire), unha desas novelas que sempre se mencionan cando se fala da España da posguerra. Galaxia saca Os castelos de Athlin e Dunbayne, de Ann Radcliffe (tradución de María Fe González Fernández). Radcliffe era a autora por excelencia das novelas sensación de finais do século XVIII, cheas de aparecidos, misterios e edificios en ruínas (Jane Austen era unha entusiasta lectora!).

E Irmás Cartoné acaba de sacar Canto máis negra é a amora…, de Wallace Thurman, (tradución de Carlos Valdés García), que conecta con outro dos títulos top do seu catálogo (Pasar, de Nella Larsen) na temática e na orixe (ambas as dúas son novelas de escritores do Renacemento de Harlem que tocan a vida nese período e nese lugar).

Xerais publica unha desas novelas moi presentes nos suplementos literarios estes últimos anos, Vista chinesa, de Tatiana Salem Levy, nunha tradución de Helena González Fernández.

Tamén chegarán unhas cantas novelas históricas vía tradución. Aínda por determinar está a data de publicación de Da cor do leite (de Nell Leyshon), en Rinoceronte (poñédea no radar de lecturas), pero si está xa dispoñible Aprende dos lirios, de Iain Crichton Smith (tradución de Moisés Barcia), sobre o período dos desaloxos das Terras Altas escocesas (se seguides Outlander seguro que vos sona: os pequenos agricultores perderon o acceso á terra, que quedou en mans de grandes terratenentes).

Avalancha de premios

Por suposto, a fin do ano é igualmente o momento no que chegan ás librarías os títulos que gañaron premios destacados (a fin do ano e o período Día do Libro/Letras Galegas son os puntos quentes de ventas de libros). Así que estes meses recibiremos moitas obras literarias premiadas.

Kalandraka vai sacar Grande e pequena, de Arianna Squilloni e Raquel Catalina, a obra gañadora do XVIII Premio Internacional Compostela, un álbum ilustrado sobre o paso do tempo e a memoria. Xerais fará o propio coas novelas dos seus premios, o Xerais (Mulleres que viaxan xuntas, de Abril Camino), o Jules Verne (O corvo sobre a neve, de Andrea Maceiras, que me gañou no momento no que mo presentaron como unha distopía) e o Merlín (Erin e o lobo, de Érica Esmorís). Poderemos lelas a partir do 2 de outubro.

E, pola súa banda, Galaxia ten xa nas mesas de novidades a novela que gañou o seu Premio Galaxia 75 anos, O lanzador de coitelos, de Fernando Castro Paredes e a que se fixo co Premio Neira Vilas de Literatura Xuvenil 2025, Odio, de Gabriel Romero de Ávila. Tamén podemos ler xa Punto de araña, de Nerea Pallares, Premio García Barros.

A lista de novelas que chegan para o peche do ano complétase con outros títulos. Aí está As bocas cosidas, de Marilar Aleixandre (Galaxia), unha aproximación á memoria histórica que empeza coa identificación dun parente nunha das fosas comúns que aínda existen e segue coa reconstrucción da súa vida, ou A vinganza de Paquiño Jackson, de Alba Guzmán Falcón (Xerais), que xoga cos códigos do videoclip de Thriller para achegarse á adolescencia no rural galego dos 80.

Non menos chea de títulos está a literatura infantil e xuvenil. Sushi Books vai sacar para outono a segunda entrega da serie de cómics de Hilda e Twig: Hilda e Twig espertan o home da neve, de Luke Pearson. A primeira entrega da saga (Hilda e Twig resgárdanse da chuvia) acaba de gañar o premio Eisner. Tamén chegará polo outono nesa mesma editorial A avoa gánster ataca de novo!, de David Walliams, que segue as andanzas dunha avoa con vida criminal.

Xerais lanzará o quinto volume de Heartstopper, de Alice Oseman (en outubro, as traducións dos volumes anteriores foron feitas por Nee Barros e asumimos que este tamén), e con iso alcanzará o ritmo de publicación da serie, o que permitirá ir á par dos lanzamentos en inglés.

E Kalandraka ten previstas moitas cousas para moitos públicos. A serie Do berce á lúa vai gañar dous títulos, Cara e Flores, de Antonio Rubio e Óscar Villán, e celebrar o seu 20 aniversario (prometen lanzamento «dun elemento especial»). A panadería, de Lucía Belarte e David Lorenzo, tratará temas tan interesantes como a revitalización do medio rural o a solidariedade con ilustracións de grafito e para público de 4/5 anos en adiante.

Igualmente, prevén novas edicións de clásicos do seu catálogo. O coelliño branco sairá cun formato grande e acartonado, Papá, por favor, achégame a lúa, de Eric Carle, sumará páxinas despregables. E recuperarán O pequeno león, «outra obra de Ylla, unha pioneira da fotoliteratura da que temos editados un par de títulos». O texto é de Jacques Prevert e a tradución de Kalandraka (por Tamara Andrés) vai recuperar a versión íntegra orixinal no canto de usa a que lanzou o seu primeiro editor (que a reduciu para enfado do autor).

Unha das ilustracións de Grande e pequena

Unha das ilustracións de Grande e pequena

Outros xéneros

E, en poesía, Kalandraka sumará Cos sinais da auga, de Lourdes Álvarez, nunha unha edición bilingüe asturiano-galego con traducións de Xavier Rodríguez Baixeiras, á súa colección Tambo.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *