Galicia arde. No momento no que escribimos isto, as estatísticas falan de que o lume arrasou 76.500 hectáreas, o 2,56% da superficie de Galicia. A provincia de Ourense é a máis afectada: o 8,6% da provincia está sendo arrasado por catro grandes incendios, que nin sequera son os únicos rexistrados.
Para entender que acontece e por que, fixemos unha selección de lecturas repousadas que dan as claves non só dos incendios actuais senón tamén para comprender por que arde o monte e o fai dun modo cada vez máis intenso.
O que está pasando
2006, 2017, 2022 e 2025: as vagas de incendios máis devastadoras do século XXI en Galicia. Ás veces, o que máis custa é comprender a magnitude da traxedia en tempo real. Esta análise de Gciencia fai un percorrido polo histórico dos lumes deste século, o que axuda a ter perspectiva.
“Deixáronnos sós”: a loita veciñal contra o lume que arrasa aldeas, A loita contra as lapas da veciñanza de Chandrexa: “Sabemos por onde vai vir o lume e por onde saír” e O lume en Corme: “A desgraza puido ser moi grande; salváronnos os tractores”. Crónicas sobre o terreo en Praza. As testemuñas en tempo real da veciñanza. “É como parar un tsunami”, recolle unha crónica de El País.
Un pouco de hemeroteca sobre as políticas de incendios ou a redución de zonas consideradas de alto risco, así como o propio plan completo, o PLADIGA 2025.
Queda pendente para sumar a este listado a reportaxe xornalística en profundidade que nos encantaría ler sobre se o plan deste ano era suficiente e que puido fallar, así como o de se as administracións públicas (as estatais e as autonómicas, que a loita contra o lume está transferida) están facendo o suficiente para prepararse para os retos climáticos do século XXI. Lembremos, iso si, que un traballo así require tempo e tamén que os medios de comunicación podan facer este tipo de análises precisan recursos (se tedes un medio de información xeral de referencia que valoredes e podedes afrontar o gasto, subscribídevos).
Só 4 incendios queimaron xa o 8,6% da provincia de Ourense
De onde veñen este tipo de incendios forestais?
Aínda que moitas veces se simplifican os incendios forestais botándolle a culpa aos incendiarios, a realidade é, a grandes liñas, moito máis complexa que iso. O cambio climático está creando un contexto con moita máis seca e temperaturas elevadísimas, que aumentan os períodos de risco para os montes.
Ao mesmo tempo, o medio rural está perdendo poboación e actividade, o que á súa vez deixa aos montes nunha situación moi diferente á que estaban décadas atrás (un dato que sempre repiten as voces expertas en xeografía, historia ou forestal cando falas con elas é que se puidésemos viaxar no tempo á Península Ibérica de hai cen anos non iamos atopar tanto bosque como hoxe vemos). E, en paralelo, estamos perdendo biodiversidade, o que fai que que a natureza sexa moito menos resiliente e complica máis as cousas.
E, finalmente, o problema dos incendios non remata cando se apaga o lume, posto que esas zonas son moito máis febles ante as choivas torrenciais (outro dos grandes efectos do cambio climático) e precisan moito tempo para se recuperar.
Esta análise da web de TVE explica de forma concisa as complexas razóns polas que se producen os incendios forestais: por que arde España? E mesmo se xa ten uns anos este artigo de Antropía explica por que os incendios son máis voraces agora e todo os efectos que isto ten, tanto no entorno como na economía da zona.
Máis recursos para comprender os megaincendios
⇒ Como os incendios están chegando cada vez máis ata as casas
⇒ Como se duplicou o número de megaincendios nestas últimas décadas (no New York Times ou vía axencia Efe)
⇒ Como as sucesións de vagas de calor empeoran aínda máis os incendios
Uns cantos títulos de non ficción para buscar en librarías ou bibliotecas
Vaia por diante que hai un baleiro importante na non ficción en galego sobre o tema dos incendios forestais (e as consecuencias do cambio climático a un nivel máis amplo, en verdade). Aquí deixamos dende Disquecool caer a idea e a petición, a ver se algunha editora nola cumpre. Sorprende, iso si, que un tema tan conectado coa realidade da Galicia contemporánea non teña protagonizado xa máis títulos.
Existen dous títulos de Catro Ventos Editora vinculados a esta temática (non os limos aínda, pero á nosa lista de desexos que van):
⇒ Árbores que non arden, de varios autores. Unha proposta que aborda unha faceta que non se trata moito, a do papel das mulleres nos incendios forestais.
⇒ Mapa ecosocial de Galicia, de Rebeca Fernández Hermo. Os incendios son un dos moitos temas que aborda un ensaio que promete facer «unha fotografía actual» da realidade galega.
Cambiando de lingua, dúas novidades recentes axudan a comprender o impacto e o contexto dos megaincendios.
⇒ El tiempo del fuego, de John Vaillant (Capitán Swing). Vaillant traza a historia do incendio que en maio de 2016 arrasou Fort McMurray (Canadá). Costou meses apagalo por completo, a pesar de estar situada nunha zona subártica. A historia é aínda máis interesante porque este é un exemplo perfecto deses megaincendios que agora son tan habituais e tamén de como, a pesar de todos os avisos, non se está a facer nada para cambiar as cousas.
«Enfrontámonos a un monstro descontrolado que creamos nós mesmos», dicíame nunha entrevista cando saíu o libro.
⇒ Los rescoldos de La Culebra, de Juan Navarro (Libros del K.O.). Unha crónica xornalística non só do que pasou na serra da Culebra, en Zamora (que foi arrasada polo lume en 2022 e na que morreron catro persoas), senón tamén do que aconteceu (ou mellor, non aconteceu) despois. Un lume deixa o 6% da provincia de Zamora en cinzas e, como en Canadá, logo non se aprende nada.
1 comentario