“O novo disco é máis denso, máis duro, máis rock”

There’s a Man with a Gun Over There

Xa non son Arthur & The Writers. No seu cuarto disco, ‘There’s a Man with a Gun Over There’, que sairá o vindeiro 5 de marzo, Niño y Pistola volven a ser eles, pero chegan un pouco enfadados. Un disco concepto e protesta, que conta a historia dun home que mata ao seu xefe, e no que os sons son máis densos e duros do habitual. Manolito, cantante de Niño y Pistola, fala en exclusiva para Disquecool (si, tiñamos que dicilo!) sobre o novo disco, a evolución do grupo e a escena musical en xeral.

– Que é ‘There’s a Man with a Gun Over There’?

É un pouco unha evolución de todo o que vén antes. Se colles os tres discos anteriores ves a liña trazada, isto é o como o seguinte da liña. É un pouco máis denso, un pouco máis duro, un pouco máis rock quizais. Igual un pouco máis maduro…

– Maduro en que sentido?

Os outros se cadra eran máis “cancións” e este funciona máis como disco. No anterior xa intentamos facer algo que fose máis disco e as letras se relacionaban en todas as cancións. Agora todas as cancións se relacionan pola letra e á vez todas as cancións van seguidas. Pensámolo todo como se fose para un vinilo, así que é cara A e cara B. A cara A son 19 minutos e van todos seguidos, a cara B son dous bloques que son outros 13 todos seguidos e hai unha canción apartada, unha especie de epílogo da obra.

– E iso en directo vai a ir así, todo seguido?

Si, eses bloques estamos a ensaialos así.

There’s a Man with a Gun Over There

– Á hora de escribir as cancións entón xa naceron todas xuntas, pensando no álbum ou no concepto?

Ao principio non foi así, tiñamos seis ou sete cancións ás que lles estabamos a dar voltas e que se cadra tiñan que ver máis co disco anterior. Pero ao final xurdiu unha e de súpeto empezamos a estirala. Nesa si que pensamos nunha canción longa con varias partes, de seis ou sete minutos. Decidimos descartar todo o outro e seguir por aí. Os bloques foron construídos de forma lineal, cada canción levaba á seguinte. Por exemplo, a canción que está a soar agora por aí (By The Grace Of God) é como o clímax da primeira parte. A primeira parte comeza moi suave, vai subindo ata que chega o clímax e despois se relaxa. É como unha curva clásica dramática. Cada parte ten como a súa tensión condicionada pola anterior.

There’s a Man with a Gun Over There

– Como unha ópera…

Algo así, funcionan enlazadas.

– E cal é o concepto ou a idea do disco?

A forma de traballar que temos é facer primeiro a música e a esa música meterlle a letra. O que conta o disco é tamén unha historia lineal. Un home, nos anos 50 en América, que é traballador tipo xornaleiro, está canso da súa vida de traballador cobrando pouco, decide mercar unha pistola e matar ao xefe. De aí vén tamén o nome do disco, ‘There’s a Man with a Gun Over There’, que á vez é roubado do tema For What it’s Worth de Buffalo Springfield. Mata ao xefe e fuxe. Cólleo a policía (parece unha película, risas), méteo na cadea dez anos. Sae da cadea cando empeza a cara B, e decide marchar e voltar á súa vila natal, a buscar a casa dos seus pais cos que xa non ten relación. Esa cara B é a viaxe de volta ao seu pobo, a esa casa que atopa derruída. Despois lembra como xogaba no xardín da súa casa e no bosque. Métese no bosque (é tamén como empeza a historia), e chega a unha caixa temporal que gardou cando era un neno, simbolizando o de non perder a ilusión.

Toda a historia ten que ver coa crise actual, do sistema, da xente que está mal ou sen traballo. Vai un pouco de marcar unha revolución matando ao xefe, cumprir o castigo, pero despois volver a empezar desde onde se supón que se torceu todo. Despois a canción que está separada da cara b é unha especie de epílogo que o que intenta é contextualizalo todo na actualidade. Ten como un formato de canción protesta normal. Contra a situación, a crise, o sistema, os políticos… intenta dicir que esa historia que estamos contando é o que está a pasar agora.

– E canto se tardou en facer toda esa historia?

É un pouco raro, porque primeiro escribimos toda a música e despois vai a letra. É algo así como que a propia música vai suxerindo as cousas. Vas pensando unha historia e cando a pos coa música non pega. Dis, “e se agora pasa isto?” E non encaixa. Ata que das con algo que pode ser e de aí pasas ao seguinte. A historia non estaba pechada desde o principio, foise creando no momento. No momento de rabia é un asasinato, no momento máis reflexivo ou melancólico é a volta á vila, o momento máis optimista é cando atopa a caixa… Lembro estar no momento de matar ao xefe e pensar “e agora que? Este é o final!”. Pero entón vai unha canción máis suave, así que pensamos que tiña que ir ao cárcere, por exemplo. Foi xurdindo todo de forma libre, pero ao final si que pecha.

– A canción protesta estivo moitos anos como mal vista, é agora o momento de recuperala, non?

Si, supoño que é iso, que é o momento. Nos discos anteriores pode que houbese algunha canción un pouco máis protesta, pero non tan seria coma estas. E están a saír máis cousas deste palo. Os de Stay están sacando unha canción que é Change is coming, o novo de Holywater é ‘Wasteland’… supoño que está no ambiente. Os discos anteriores non falaban de temas sociais e este si que nos pareceu que tiña que ir máis por aí. É como unha forma de aportar o noso descontento.

Niño y Pistola, There’s a Man with a Gun Over There

– Que estabades escoitando mentres o faciades? Estabades en plena canción protesta?

Ultimamente máis música dos 60 e os 70, máis Fairport Convention, que é folk inglés, ou Jefferson Airplane, ou cousas máis tipo The Band ou Neil Young. Se cadra é tamén un pouco un paso natural que está habendo agora, volver un pouco ás raíces. No disco vese todo iso porque quixemos deixalo claro. Hai un montón de frases roubadas doutros discos, estamos cantando unha canción nosa e de súpeto hai unha frase de The Band (a máis evidente), o within you without you de George Harrison… pero é algo voluntario. É unha apoloxía do rock por isto, por ser unha especie de homenaxe cara a música, cara o rock. Se coñeces esas cancións é evidente.

– A portada de onde saíu?

Pois de Internet. Foi unha imaxe que apareceu e a collemos porque encaixaba moi ben. Por un lado ten todo ese tema orgánico, con toda a vexetación, e por outro lado é un tapiz que se chama ‘Unicornio en catividade’, que é un unicornio pechado nun cerco e tamén é algo simbólico e épico. Pódese dicir que o unicornio podería ser o home apresado, que á vez consinte esa situación. Esteticamente pareceunos precioso e espectacular… E xusto esta mañá estivemos buscando en Internet e é unha imaxe moi recorrida, hai tapices en eBay (a falsificación do orixinal, que está no Metropolitan), hai coxíns, fundas para o teléfono… xa temos o merchandising listo!

Niño y Pistola, There’s a Man with a Gun Over There– Saíndo do disco, como ves un pouco a evolución de Niño y Pistola?

Supoño que era outro momento, non faría o primeiro e o segundo disco como os fixen. Parécenme dignos e gústanme, pero si veo como esa liña marcada que o relaciona todos e si hai unha certa coherencia.

– Pero en directo recuperades cousas deses discos?

Pois será menos, tocaremos este enteiro e algunha canción do anterior, pero dos dous primeiros igual non collemos nada.

– Pobres fans!

Xa! Pero nós tamén estamos aburridos de tocar sempre o mesmo…

– E esa liña cara onde vai?

Pois non sabemos. Tampouco sabíamos antes que esa liña chegaría ata aquí. Pode embrutecerse máis, ou pode que en contraste saia algo moito máis tranquilo. Quen sabe, iso vai xurdindo, en cada momento saen unhas cousas.

– Como ves a escena xeral musical?

Creo que en España e en Galicia agora mesmo hai bandas con moito nivel que non había antes. Podes ver un concerto moi, moi bo dunha banda española ou galega e antes había moitísima diferencia con respecto a ingleses ou americanos. Todo este proceso de democratización da música relacionado con Internet abriu moitas portas, deu acceso a todo o mundo a todo. E aínda así penso que aínda non se lle dá importancia á música que se fai aquí, vén un tipo americano a tocar a guitarra e se esgotan as entradas porque é un tipo americano, e vén un tipo de Madrid facendo o mesmo e a xente di “e este tipo que se cre?”. Hai moito complexo nese aspecto.

Con todo o tema de Internet tamén cada vez é máis difícil seguir a actualidade musical, porque hai tanta, tanta información…

– E destacar como banda tamén, non?

Supoño que si, que tamén é moito máis difícil. Agora o consumo é moi caduco. Antes escoitábanse os discos de xeito máis perenne. Escoitabas o disco de Ocean Colour Scene, ou de Blur, escoitabas os discos centos de veces e durante anos. E agora poucas cousas superan os tres meses. A xente descarga o disco, escóitao, vai ao concerto e ao arquivo, e xa está. Xa non volve. Dáme un pouco de pena, porque eu son da vella escola.

– Dos que facedes discos en cara A e cara B…

Claro. Bueno, tamén se está facendo máis agora, está a editarse moito máis en vinilo. Se cadra tamén para protestar por ese consumo lixo de música. Eu sigo escoitando os discos cen veces.

*Manolito tamén encheu unha disqueficha!

Fotos | Andrés Fraga, Video | Andrés Fraga y Niño y Pisto

Shares

3 comentarios

  • vanessa di:

    Teneis una trayectoria impresionante!!!! Pues mirar… buscando en internet, me encuentro que teneis página Web , por cierto el video es precioso. Sale mucha información vuestra, de vuestros inicios, actuaciones en RNE 3, hay páginas de música con articulos dedicados a vosotros, etc. Por cierto vuestras canciones en Inglés… lo haceis muy bien, muy bien. Hay imagenes vuestras, videos, el que no quiera conoceros que se tape los ojos. Pero si es verdad y estoy de acuerdo con Manolito que los discos vinilos tienen y tendrán su lugar en la música, por lo menos para los que marcaron nuestra infancia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *