Por que todos deberíamos traballar menos e vivir mellor

Poderíamos dicir que aquí todo empezou coa crise, ou polo menos ese é o momento no que eu lembro escoitar os primeiros “si, teño algo de febre, pero irei a traballar igual” e os tan normalizados “quedarei máis tempo para que o xefe vexa que ando por aquí” (non, estes non se din, pero se entenden). A min, quen sabe por que, sempre me chamaron a atención esas actitudes. Vir a traballar enfermo para contaxiarnos a todos e non dar feito nin a metade do normal? Maleducar aos xefes facéndolles crer -e, o peor, esperar -que a nosa vida é súa?

En realidade, claro, non foi a crise, polo menos cando falamos de xente que fai horas extra nas que realmente traballa e non se limita a quentar a cadeira, senón dunha cultura nacida na era dos yuppies na que máis horas se traducían en máis cartos, éxito empresarial, e ascensos rápidos. E nalgún momento empezou tamén a crítica máis estúpida da historia da humanidade (segundo a miña humilde opinión), a de mirar mal á xente que marcha do seu lugar de traballo á súa hora, “como un funcionario”. Que o diga o xefe ou dono da empresa -sen moita visión empresarial, como veremos despois? Vale. Pero que o digan os outros traballadores… de verdade o parvo é o que fai as horas que ten por contrato e desfruta do seu tempo libre?

Non pasa só en España e non só nas pequenas empresas nas que tes ao propietario vixiando o que fas. O gran problema é que esta cultura de traballo está tamén extendida entre as máis grandes: ademais de Amazon, de quen se falou tanto a semana pasada por unha reportaxe aparecida no New York Times na que se falaba do mal que tratan aos seus empregados, outras coma Apple, Google ou Facebook non teñen moito do que presumir. Xa hai tempo que sabemos que o de dar comida gratis e ter futbolín na oficina é só unha forma de facer que a xente non marche para casa.

O paradóxico de todo isto? Que, como apuntaron estes días tanto Dustin Moskovitz, co-fundador de Facebook, nun artigo imprescindible en Medium, coma outros medios, a ciencia di que o de ter aos teus empregados a traballar moitas horas e todos os días é contraproducente. E non é nada novo. Sabíao xa Henry Ford, que para algo foi un dos impulsores das xornadas de 40 horas e as fins de semana (xente con tempo libre impulsaría o consumo), e sabíano nos anos 60, cando unha das grandes preocupacións, como lembra The New Yorker, era que se faría con tanto tempo libre cando chegásemos cara onde nos levaba de forma inconfundible a evolución do mundo laboral: as semanas laborais de 30 horas. Keynes, pola súa banda, entendía que chegaríamos a un punto no que bastaría con traballar 3 horas ao día.

Que pasou coa semana laboral de 15 horas?

Pasaron os anos e os estudios non cambiaron, aínda que non facían falta. Todos sabemos que traballamos mellor, de forma máis produtiva e feliz, cando estamos descansados. Se levamos dez horas diante do ordenador, se non lembramos a última vez que collemos unha fin de semana, estamos frustrados, confundímonos máis e tomamos malas decisións. Todo sería mellor se marchases a casa, durmises ben e moitas horas, e volveses ao día seguinte fresco e cheo de ganas e ideas novas. Mellor para a túa saúde, si, e mellor para o ben da empresa, que non debería querer ter a zombies no canto de traballadores.

Con ese paso dos anos, ademais, as tecnoloxías avanzaron moito máis do que ninguén podía ter previsto, permitindo que ese soño de xornadas laborais máis curtas fose algo non só desexable, senón tamén posible.

Que se torceu para estar a discutir xusto agora, en 2015, se é mellor dar o 200% no traballo durante cantas máis horas mellor, ou ter tamén unha vida persoal á que volver ao finalizar a xornada?

Unha das explicacións que cita o New Yorker (aínda que hai moitas máis e ninguén parece ter claro como chegamos a este punto, se hai unha lóxica ou simplemente somos unha especie algo estúpida) é unha sorte de pirámide convertida en círculo vicioso: canto máis ascendes, máis cobras, polo que en teoría gañas máis cartos por cada hora traballada. Iso leva aos que están na cima a traballar máis e, aos que queren chegar aí, a pensar que o truco está dalgunha forma nas horas que lle botes. Aínda que no fondo saibamos que non é así.

Pero e se fose así? E se de verdade a máis horas de traballo lle correspondesen maiores posibilidades de ascenso e de recibir un aumento? Aquí os freelances, eses afortunados que nos enganamos a nós mesmos dicindo que non temos xefes (cando ás veces simplemente temos moitos, no canto de só un), temos algo que dicir: na maioría dos casos, traballar máis significa gañar máis cartos. Podo escribir un artigo e cobrar por el ou non escribilo e quedar con ese tempo libre, pero sen eses cartos. Significa isto que cando as cousas son de verdade así debamos traballar o máximo posible?

NON.

Miremos a longo prazo. A moi longo prazo (esperemos). A ese momento no que somos anciáns e sabemos que o noso tempo por este mundo está a piques de rematar. Miramos cara atrás, lembramos a nosa vida. E chega a enfermeira e fai que falemos. Dirixe a conversa cara as cousas das que nos arrepentimos. A maior parte de nós, se estamos metidos nesa espiral de traballo agora, diremos alto e claro: “desexaría non ter traballado tanto”. E non é só a miña imaxinación: Bronnie Ware é unha enfermeira australiana que durante anos escoitou a pacientes a piques de morrer falar do que terían feito diferente. E esa, a de ter traballado demasiado, era sempre a frase que máis oía. Ninguén se arrepentía de ter pasado demasiado tempo coa súa familia e seres queridos, de ter renunciado a gañar algo máis por pasar máis horas coidando a vida persoal.

A conclusión é sinxela e nada nova. Xa o sabíamos todos, ou polo menos o intuíamos. Traballar de máis é malo para nós e é malo para as empresas. É fácil dicilo desde aquí, desde a miña “seguridade” independente, sen horarios que cumprir e sen xefes que me poden despedir. Pero se pasiño a pasiño todos volvésemos a educarnos a nós e aos xefes nas cousas que importan poderíamos volver a esa bonita preocupación que no ano 1964 protagonizou dous números da revista LIFE: que facer con tanto ocio? Seguro que atoparíamos resposta.

(Belle and Sebastian sempre o souberon: Get out of the office, and into the sunshine)

 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *