Off Culturgal: presenta o teu proxecto!

off culturgal pechakucha 2011Tes unha idea? Un proxecto? Un traballo que queres presentar? Disquecool ten importantes novidades para ti. Os próximos días 2, 3 e 4 de decembro celebrarase en Pontevedra a Feira das Industrias Culturais, Culturgal, unha cita que non queremos perdernos e na que participaremos activamente, colaborando no Off Culturgal, que se desenvolverá o día 1 de decembro, como actividade previa a este evento. Ti tamén podes contribuír coas túas creacións. Queres saber como?

QUE É OFF CULTURGAL?

Un encontro informal e divertido que permita a persoas creativas xuntarse para compartir ideas e proxectos, unha forma de que a xente nova poida mostrar e compartir o seu traballo dun xeito relaxado.

O Off Culturgal consistirá nunha sesión de presentacións en formato Pecha Kucha: 20 imaxes, cada unha das cales ten unha duración de 20 segundos. As imaxes sucédense automaticamente mentres a persoa fala.

O Pecha Kucha naceu en Tokio en 2003 da man de Astrid Klein e Mark Dytham de Klein Dytham Architecture no seu espazo multimedia experimental SuperDeluxe. Por que? Segundo afirman na súa web, “porque os arquitectos falan moito!”. “Dálle un micrófono e algunhas imaxes a un arquitecto – ou á maioría da xente creativa- e non pararán! Dálle un powerpoint a calquera outra persoa e terá o mesmo problema”.

O formato 20×20 permite manter un nivel de interese e atención alto mediante presentacións moi concisas. En total, cada presentación transcorre durante 6 minutos e 40 s.

QUE BUSCAMOS?

Amor polo teu proxecto, talento, ideas. Proxectos creativos, innovadores, emocionantes, inspiradores.

Seleccionamos proxectos do ámbito da creación: deseño (de produto, web, de moda…), edición, audiovisual, ilustración, música, proxectos sociais, arquitectura, fotografía, arte, gastronomía…

Se tes unha boa idea, se cres nela e sabes comunicala, este é o teu espazo.

COMO PRESENTAR O TEU PROXECTO?

Para participar podes enviarnos as túas propostas a lucia@disquecool.com. Necesitaremos:

– Unha breve descrición do teu proxecto
– 5 imaxes ou diapositivas das 20 que presentarías

Para inspirarte podes botarlle unha ollada a outras presentacións en formato Pecha Kucha.

PechaKucha Culturgal OFF 2011

QUE VALORAREMOS?

A orixinalidade do proxecto é moi importante, pero as imaxes e capacidade para comunicalo a través delas tamén o son.

Buscamos novos creadores, novas ideas e propostas do ámbito galego.

Á hora de realizar a nosa selección escolleremos proxectos de distintos eidos de cara a enriquecer o Off Culturgal con propostas variadas.

PRAZOS

Podes presentar a túa proposta ata o 27 de outubro. O 2 de novembro publicaremos os proxectos seleccionados.

Se resultas seleccionado terás ata o 24 de novembro para entregar a túa presentación, e o 1 de decembro será o gran día, o Off Culturgal!

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *