Boas de novo. O que imos facer hoxe é unha carteiriña de cómic, cos seus apartados para moedas, billetes e ata tarxetas!!
Os materiais que precisaremos serán un cómic (para non desfacervos dun ao que lle teñades certo “cariño” sempre podedes adquirilo a bo prezo nunha tenda de segunda man); forro autoadhesivo para cubrilas follas do cómic que usemos; fío algo grosiño; unha agulla, tamén algo grosa para poder coser ben co fío elixido, e un pouco de velcro.
O primeiro será cortar a parte principal da carteira que cubrirá ao resto e vai ser a máis grande. Será un rectángulo de aproximadamente 16 centímetros de longo por 11 de ancho. Tamén cortaremos unha especie de trapecio alongado (como se pode ver na foto) para facer o peche da carteira.
Agora cortaremos unha peza igual de longa que a anterior pero un pouquiño máis estreita (un ou dous centímetros), que será o separador da zona de billetes.
Tamén cortaremos catro rectángulos de cinco centímetros de longo. De ancho, o maior destes rectángulos será igual que o separador de billetes. Outro destes rectángulos será de ancho un centímetro menos que o anterior, e así igual cos seguintes, sempre un centímetro menos que o anterior. Con estes rectángulos faremos os separadores para as tarxetas.
As últimas pezas que teremos que cortar son as do apartado das moedas, que serán un rectángulo do mesmo ancho que o separador de billetes, e de uns oito ou nove centímetros de longo. Cortaremos o lateral dereito de forma redondeada nas esquinas, xa que esta será a tapadeira do espazo para as moedas. A outra peza deste apartado é outro rectángulo de cinco centímetros de longo e o mesmo ancho que a outra peza máis seis centímetros adicionais, xa que necesitaremos tres centímetros en cada estremo para facer as dobreces para ampliar a capacidade do apartado das moedas.
Unha vez que xa temos todas as pezas de papel que imos precisar cubrirémolas co forro autoadhesivo para protexelas e que non se nos derrame a nosa carteiriña. Forrarémolas todas de maneira individual agás a peza principal e o peciña en forma de trapecio do peche, que as forraremos facendo unha soa peza, tal e coma se ve nas fotografías. E comezamos a coser!!
Primeiro coseremos as catro pezas destinadas aos separadores de tarxetas uníndoas por o lateral dereito. Unha vez que cheguemos a parte superior do rectángulo máis ancho unirémolas ao separador de billetes; e xa ao chegar á parte lateral esquerda uniremos todo á peza principal, continuando con esta costura tamén pola parte inferior.


Unha vez rematado este proceso xa temos a metade do traballo feito, e só nos queda o apartado das moedas.
O primeiro que faremos neste apartado será coser o lateral dereito do rectángulo máis longo (o que cortamos de forma redondeada nas esquinas), xa que podemos coser arredor del as puntadas coma adorno, posto que oao ser a tapadeira do apartado de moedas non o temos que unir a outra peza. Agora dobraremos a outra peza nos extremos dúas veces, tal como vemos na imaxe, e unha vez dobrada coserémola á outra peza do apartado de moedas e á carteira á vez. Este é o punto se cadra máis complexo de todo o proceso, xa que tentaremos que a metade do extremo esté cosida tamén á parte que dobramos anteriormente, para evitar que se abra demasiado o moedeiro. A explicación pode resultar algo baralleira, polo que espero que as fotografías vos sexan de axuda, inda que se tedes algunha dúbida sempre podedes preguntar!!
Unha vez finalizadas as costuras só quedaría colocar o velcro para pechar, tanto o moedeiro coma toda a carteiriña. Utilizaremos velcro autoadhesivo, polo que cortamos uns circuliños e pegámolos nos peches.
E lista a nosa carteira para levar ao peto!! (iso si, non esquezades meter algo de diñeiro antes!!).

