Por que ler é bo para a saúde: menos estrés, máis felicidade e mellor memoria

Hoxe é o Día do Libro, un dos nosos días favoritos do ano porque nos dá unha escusa perfecta para ir mercar máis libros sen sentir remorsos polo noso tsundoku. Ademais, o Día do Libro é tamén unha marabillosa razón para escribir sobre libros, para falar das lecturas favoritas e para lembrar os beneficios que ten a lectura.

De entrada, a lectura é —e non deberíamos esquecer este punto nunca— unha maneira estupenda de entretemento. Todo o que digamos sobre os libros e todo o que estes aportan ao noso día a día non debería facer perder de vista este punto (algo especialmente recomendable cando se entra en debates sobre o que para moitos é Literatura, con maiúscula, fronte ao resto). Os libros son un xeito de pasar un bo anaco, de gozar dunha experiencia entretida. E ese momento de entretemento e de desfrute ten un impacto directo na nosa felicidade.

Ademais, os libros tamén poden funcionar como unha ferramenta espectacular para o escapismo, como un refuxio ante unha situación que non nos fai felices ou que non é agradable. É o que fai, por exemplo, que que che poñan nas mans un libro cando estás nun hospital resulte algo tan marabilloso.

E, para continuar, os beneficios dos libros foron tamén medidos e pesados en termos de saúde e de impacto directo na mesma.

A literatura é unha cura antiestrés. Como lembran ao fío do día nunha nota de prensa dun comparador de seguros (Acierto.com), ler durante seis minutos seguidos e sen distraccións axuda a reducir o estrés ata nun 60%. Sucede, explican, porque durante a lectura non só se produce a relaxación dos músculos senón que tamén baixa o ritmo cardíaco. Os estudos, engaden, demostraron que a lectura ten un efecto no noso corpo similar ao que ten a meditación. Por ser, é ata máis efectivo na redución do estrés que saír a pasear.

Este impacto é tamén o que explica que ler antes de ir durmir (sempre que non te enganches ao libro de forma brutal e non podas deixar de ler ata as tres de madrugada…) resulte tan beneficioso. A lectura favorece o descanso porque axuda a que o cerebro desconecte do fluxo de pensamentos e preocupacións da xornada.

Ademais, a lectura é unha sorte de ximnasia para o noso cerebro. Ler reforza as conexións entre as neuronas e traballa así a axilidade mental, lembran dende o comparador de seguros, apuntando tamén que é un poderoso exercicio para a memoria, especialmente cando se le en verso. Un estudio neurolóxico chegou a apuntar que a lectura ralentizaba o deterioro cognitivo no cerebro.

E se todo isto non fai que desexes sentar cun bo libro xa mesmo hai outro estudio que dá unha sorte de argumento definitivo: ler aumenta a esperanza de vida. De media, como apuntaba hai uns anos este estudio, a esperanza de vida dos lectores é dous anos superior á dos non lectores.

Foto | Lisa Fotios en Pexels

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *