4 series para saír da negra espiral de 2019

O móbil está aí ao noso carón como elemento cun potencial fantástico (podemos facer videochamadas con amigos que viven lonxe! iniciar unha conversa vía story con alguén con quen hai mil que non falamos! ler na app do Kindle!), pero que só fai que nos sintamos mal. Google suxírenos novas sobre política, en Facebook non sabemos nin por que aínda entramos. E Twitter. Ai, Twitter, ferramenta infalible para lograr que nos poñamos de mal humor.

Non é raro sentir que este 2019 está a ser como estar diante dun acantilado e ver como un exército formado por clons de Santiago Abascal, Pablo Casado e Albert Rivera (e Feijóo, Feijóo tamén está) veñen correndo para empurrarnos por el. Noticias falsas, o Brexit, VOX, Trump, a homeopatía, o cambio climático, a volta da alxibeira. Nos nosos momentos máis optimistas pensamos en que estamos tamén na era dourada dos datos e os feitos, en que Maldito Bulo e Newtral desmenten cousas, en que a xente non pode crer calquera parvada. Despois lembramos que existen os terraplanistas.

Que nos queda? Entregarnos ao hedonismo nihilista sen mirar atrás para polo menos pasalo ben nesa caída a un mundo distópico? Marchar a vivir a un lugar remoto despois de destruír todos os nosos dispositivos electrónicos a golpe de martelo? Non hai que chegar ata aí. Temos series para sentirnos un pouco mellor.

Todas elas son de 2019 (en dúas fixen trampa, vale) e parecen respirar un pouco dese espírito: o mundo é un lugar escuro, pero aínda hai esperanza. Todas son unha montaña rusa emocional, pero garantimos que chegarás ao final sentíndote mellor. Moitas veces entre bágoas.

After Life

Por se alguén tiña medo e pensaba que estabamos a piques de caer no universo Mr Wonderful, tranquilos. A nosa primeira serie recomendada é a de Ricky Gervais, que pode ser sospeitoso de moitas cousas, pero desde logo non de ir por aí facendo filosofía positiva barata. En After Life é Tony, un xornalista de local que acaba de quedar viúvo e que se non se suicida é porque alguén ten que darlle de comer á súa cadela. Pero máis alá diso, xa nada importa, así que pode tratar mal a todo o mundo. A serie é unha pequena marabilla moi triste, moi divertida e, tamén, moi esperanzadora. Non é a única serie que recomendaremos hoxe que trata o dó de forma moi delicada e bonita. Está en Netflix.

Fleabag

Si, si, facemos trampa. Fleabag non é de 2019 (e xa falamos sobre ela), pero si a súa segunda temporada, que rematou esta semana e que é case perfecta. A serie de Phoebe Waller-Bridge continúa nesta segunda entrega explorando o dó da protagonista polas perdas que sufriu recentemente. E se a primeira Fleabag avanzaba pola vida de noite de alcohol e sexo en noite de alcohol e sexo, a segunda parece que pouco a pouco vai saíndo á superficie a coller aire. A relación coa súa irmá pasa a un primeiro plano e tamén un novo e improbable obxectivo amoroso. Tede os kleenex a man, especialmente no último episodio, pero no teñades medo. Serán bágoas das boas, desas medio catárticas entre sorrisos. (A serie segue a ser moi divertida, por certo!). Estará en Amazon Prime Video o 17 de maio, pero xa está viaxando polo internet pirata.

Shrill

A protagonista de Shrill, protagonizada pola humorista Aidy Bryant, traballa nunha revista na que non escribe, ten unha relación cun mozo ten un podcast e que leva os seus amigos á súa primeira cita e unha nai obsesionada con que perda peso. Shrill é unha serie na miña opinión bastante buenista —divertida e colorista—, pero que polo medio di unhas cantas verdades sobre como a sociedade trata o corpo da muller (especialmente os corpos que non se axustan ao ideal) e como isto nos afecta en todos os aspectos da nosa vida. É de Hulu, pero bueno, xa sabedes, hai outras formas.

Queer Eye

Máis trampa: non só vai pola súa terceira temporada, senón que ademais non é unha serie de ficción, é un reality. Pero que reality. Antoni Porowski, Tan France, Bobby Berk, Jonathan Van Ness e Karamo Brown son cinco homes gays que asaltan a casa da persoa escollida (sempre en estados tradicionalmente republicanos) para nunha semana axudala a poñer a súa vida un pouco máis en orde. Pero non orde tipo Mari Kondo, senón orde cunha raíz máis emocional. Cada un ten a súa especialidade (cociña, moda, decoración, perruquería e cultura, respectivamente) e mediante conversas chegan un pouco a cuestión real: por que esa persoa ten a casa feita un asco? Por que non se coida? Por que non se quere?

E aínda que isto podería ser un desastre, o certo é que o grupo dos Fab Five, tan ben escollidos, fai o proceso sempre desde onde se atopa a persoa, sen xulgar, intentando ofrecer melloras realistas que vaian poder manter. De verdade, dádelle unha oportunidade. Ata as máis escépticas da nosa disquerredacción caeron rendidas.

Agora o acantilado está un pouco máis lonxe.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *