Pyt: a nova promesa para unha vida mellor que chega do norte de Europa?

Estamos obsesionados con que a felicidade virá grazas a algunha perla de sabedoría chegada de Escandinavia? Podería ser. Hai uns anos, o hygge empezou a estar por todas partes. Era a idea de felicidade das pequenas cousas, como repetían unha morea de artigos sobre o tema  e era o que facía que no norte vivisen tan ben. O boom comezou cos libros de autoaxuda que marcaban como vivir hygge, saltou aos medios de masas e acabou incluso protagonizando novelas que poñían o hygge no título e como escusa para o argumento (e si, eu lin unha e era francamente mala).

Cando o hygge comezou a ser demasiado mainstream apareceu o lagom, unha nova promesa de felicidade escandinava que prometía facernos sentir mellor aplicando unha idea de vivir dun xeito moderado. Nin moito nin pouco, algo no medio. O lagom tamén tivo o seu momento de gloria nas mesas de novidades das librarías, aínda que foi un momento un tanto máis discreto que o que tivo o hygge (se cadra pola súa propia natureza de invitación á moderación?).

Dende entón, a industria editorial de medio mundo estivo intentando atopar a alternativa máis eficiente para crear un novo filón de felicidade chegado do norte de Europa. Houbo un intento co döstädning, a arte de limpar antes de morrer (basicamente, limpar a túa vida e a túa casa para non deixar ao morrer un montón de trapalladas que ninguén vai querer e tampouco saber que facer con elas), e agora chégalle a hora ao pyt. O pyt é unha palabra danesa e ten que ver co estrés (que obviamente non é algo que faga feliz a ninguén).

Pyt acaba de gañar unha votación para ser a palabra máis popular entre os daneses. Non ten unha tradución clara, como explican en FastCompany (pero ningunha destas palabras a ten), e é un concepto cultural, sinalan. É o modo no que se traballa a saúde mental para así estar preparados para afrontar o estrés, apuntan no artigo. É unha especie de filosofía de vida de aceptar o que chega. O pyt é, na súa parte máis de cada día, unha exclamación que viría a ser como a versión falada de encoller os ombros ante o que pasa pero tamén é, na parte non falada, a filosofía que está detrás desa resposta. Segundo apuntan en FastCompany é como aceptar o que pasou e reaxustar o que se fai a iso, en lugar de quedar un anaco maldicindo o momento.

Como apunta nunha análise na BBC unha xornalista danesa, o pyt é o que aparece cando o hygge non funciona, o que aplicas cando unha situación escapa ao que podes controlar e cando, aínda que o que che rodea é frustrante, non queres deixar que che afunda. Pode que pareza o punto álxido do conformismo (e en certo modo todos estes segredos da felicidade escandinava acababan parecendo un pouco iso…) pero os daneses explican que non é un simplemente resignarse a todo, senón máis ben un non se facer sangue con aquelo que non podes cambiar.

Shares

Etiquetas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *