Katiuskas para sobrevivir á cicloxénese explosiva

Son as katiuskas unha obsesión na redacción de Disquecool? Son. Ou ben… en parte. Nesta redacción hai quen cre tamén que son unha invención de Satanás e unha das cousas máis feas do mundo, pero como santiaguesa que descubriu anos antes de que se puxesen de moda (si, antes de que fosen mainstream!) que eran o único que evitaba que entrase auga nos pés, deixádeme ser evanxelista. E como disque veñen de camiño non sei cantas cicloxéneses explosivas (ou se cadra só é unha), chega o momento de facer inventario do que ofrece o mercado no que a katiuskas ou botas de auga toca.

Modelo Gloria de Asos Design

Asumo que non teño que explicar o que fai que estas katiuskas sexan vencedoras e unhas das favoritas nesta selección. Son lagostas! Agora mesmo están en rebaixas e nos 13,99 euros (pero lamentablemente non quedan todas as tallas). Son de Asos.

Katiuska Coral

Tamén en negro, pero quen quere unha cor discreta cando as pode ter en disque-coral-chámalle-bombona? Son de Bimba y Lola e son a miña contribución orgullo señora. Teñen un acolchado superior para levar os pés quentiños. 20 euros en rebaixas (as negras son máis caras, pero bah).

Botas náuticas

Un pouco aburridas, unisex e clásicas. Decathlon véndeas como botas náuticas, pero son botas de chuvia perfectamente válidas. En tres combinacións de cores e en 34,99 (nada de rebaixas).

Botas Hunter

Costan un ollo da cara pero son o elemento clave do uniforme de moderna-baixo-a-chuvia. Prometen unha calidade a proba de bombas, así que hai que xura e perxura polas súas Hunter. Hainas de moitas cores, tallas e para todos os mercados. En zapaterías especializadas e online.

Victorine Bottilon

A miña nai asegura que é imposible que estea elegante se levo katiuskas (ela tamén é team #zapatosfeos), pero ao mellor é porque non veu a versión chic desta colección de Aigle. Andan nos 60 euros en Zalando e a combinación rosa-marrón é a miña favorita.

E un bonus track

Hunter tamén ten unha liña propia de bailarinas. Eu non o sabía e a idea pareceume bastante sorprendente (e un tanto cuestionable), pero internet apunta que arrancaron alá por 2012 con elas.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *