Workfrom: unha app para escoller desde que cafetería traballar

Si, si, escribimos moito ultimamente deste tema, pero que lle imos facer, somos un grupo de xornalistas autónomas e traballar desde a casa ou o noso centro de coworking ás veces aburre. E se estamos nunha cidade distinta, a necesidade de cafetería-perfecta-con-bo-café-bo wifi-mesas-algo-amplas-enchufes-e-tolerancia-ante-xente-que-pasa-moito-tempo-alí-co-portátil  sempre aumenta (aínda que temos sentimentos encontrados con este tipo de cafeterías). O problema nestes casos é sempre o mesmo: estamos nun lugar novo e poucas veces atopamos esa cafetería á primeira. Menos mal que está a tecnoloxía.

O habitual é a típica busca en Google Maps ou TripAdvisor e ver se alguén deixou un comentario dicindo que é un lugar cómodo desde o que traballar, pero non sería máis fácil ter unha app específica na que a xente publica eses lugares desde os que xa está traballando con información práctica ? Iso é precisamente Workfrom.

Antes de nada, un aviso: en Galicia aínda non está moi descuberta esta app. Hai só engadidos tres sitios en Santiago, un na Coruña e un en Vigo que acabo de engadir eu (e mal, que non puxen nin foto, prometo melloralo). En Portugal a cousa cambia. De feito, foi alí onde descubrín Workfrom, buscando en Porto un lugar distinto ao meu adorado Moustache desde onde traballar. E hai moito! Nesa mesma viaxe, traballei desde as Galerías Lumière, que non coñecía, e desde o Vitória, que xa me gustaba pero ao que nunca se me ocorrera levar o ordenador.

O funcionamento da app (que aínda que a descargues no móbil é unha web app, así que o máis fácil é ir directamente á web) é sinxelo: podes buscar por localización que sitios tes preto e marcar filtros como que sexa un lugar público (porque tamén aparecen na lista centros de coworking nos que podes pagar por horas), que sexa tranquilo ou que abran ata tarde. A idea, para que o servizo que ofrece a app sexa cada vez mellor, é facer check in no bar no que esteas a traballar e, aínda que non deixes ningún comentario, polo menos medir a velocidade da wifi para que a información estea actualizada.

Se estás a rexistrar un lugar novo, non tes máis que seleccionalo no buscador (está todo o que está en Foursquare e Google Maps) e ir introducindo os datos que che pide: calidade da wifi (se estás alí no momento poderás medilo), se hai enchufes, se o café é bo, se é un lugar ruidoso ou tranquilo, como son as mesas,… Por último, engades foto se tes (non fagades coma min), publicas e listo. Un sitio máis para o mapa.

Workfrom existe desde hai dous anos e medio, cando tiveron a todos os medios de tecnoloxía e xente remota falando sobre eles, pero parece que segue en marcha e a comunidade é bastante activa. Teñen ata un espazo en Slack —ao que en teoría podes acceder só se es premium, pero ao que na práctica serás invitado se o pides sen pagar nada— con canles nas que falar desde de consellos para traballar de forma remota ata do que se está a ler ou ver nese momento. Un pouco, din, para buscar ese contacto humano  de charla de oficina que perdemos os que iniciamos o camiño da vida freelance.

É unha boa idea, pero unha desas ideas que precisan do apoio e participación dos usuarios para chegar a algo. Fagamos que Workfrom sexa tamén útil en Galicia e non só nas cidades portuguesas (ou noutras grandes cidades do mundo, onde si hai moito lugar rexistrado). Eu prometo engadir fotos e lembrar medir a velocidade da wifi outras veces que baixe ao Sifón ou a outras cafeterías desde as que traballo.

Foto: Picjumbo

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *