O retorno da alxibeira

Lembro a miña primeira e única alxibeira. Unha das miñas tías fora de vacacións a Mallorca cando eu tiña uns seis? anos. Tróuxome como agasallos algo que xa non lembro e unha alxibeira, que me pareceu naquel momento lo más. Teño un recordo borroso de cando a alxibeira pasou de ser a cousa máis molona na miña posesión a ser un elemento de refugallo, aínda que a lembro ocupando espazo no cesto dos xoguetes. Supoño que se buscase con coidado nos álbums de fotos na casa dos meus pais lograría atopar algún testemuño gráfico dese pasado meu.

Os meus seis anos foron alá polos primeiros noventa, o momento no que as alxibeiras tiveron o seu momento de gloria e no que pensaramos que quedaran sepultadas para sempre. Nas décadas que pasaron dende entón fomos aprendendo que a única opción válida para poñer unha alxibeira e ser feliz coa idea era a de ser un xubilado de vacacións co Imserso que precisa levar algo máis consigo que a carteira. Pero esas leccións quedaron obsoletas nos últimos meses.

Primeiro chegaron os hipsters que visten lixo pero que o fan dun modo irónico. Logo as grandes coleccións das casas de moda de pasarela (non esquezamos as chanclas-alxibeira deste verán). E despois o fast-fashion fixo o resto. A alxibeira xa chegou (volveu) a Zara e está despegando para ser o gran boom dos próximos meses, o que verás por todas partes.

A nostalxia polos 90 está no seu momento de auxe. De entrada, a paixón polo retro e o vintage é unha especie de tónica dominante dos últimos anos, unha que fai que as empresas recuperen produtos do baúl dos recordos e que volvan a presentar esas cousas espantosas que pensamos que quedaran xa atrás e unha que fai – sobre todo – que vendan ás mans cheas. O retorno dos 90 explicase porque os que entón eran nenos agora son adultos e, especialmente, adultos desexosos de gastar cartos naquelas cousas que lles farán sentir mellor, que lles lembrarán ese pasado dourado da infancia.

A infancia é un tempo que, dun xeito maioritario, asociamos ás cousas positivas, aos bos momentos e ás lembranzas de cor de rosa. Os produtos que vinculamos a esas memorias teñen un efecto chamada desas emocións positivas. Pode que as alxibeiras me parezan a cousa máis espantosa do mundo, pero tamén me lembran á miña tía e a súa viaxe a Mallorca.

Sexa polo efecto bandwagon ou sexa polo poder das emocións, a alxibeira que che mira dende o estante de Zara ou de Misako ou de Gucci ou de sexa onde sexa acabará por non parecer tan espantosa. Nos EEUU, onde comezou o seu retorno, as alxibeiras xa supoñen unha cuarta parte de todo o crecemento de ingresos da industria dos accesorios. Polo momento son só o 1% de todas as ventas da categoría, certo, pero ese número supón o 25% de todas as novas ventas rexistradas nos primeiros dez meses do 2018 (e máis importante aínda o logran nun mercado en recesión: os accesorios estanse a vender en xeral menos que no pasado).

Fotos | Zara e Mango

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *