7 cousas cool que ver en Cangas que non son o novo paso de peóns

Fábrica de Massó, inspiración para o próximo filme de Guillermo del Toro?

Plenos municipais que acaban ás pedradas, jodechinchos, bombas en inmobiliarias… ser de Cangas marca, e moito. Hai uns días asistimos ao nacemento dun novo mito nesta emblemática vila da ría de Vigo, núcleo do imaxinario rebelde galego: un paso de cebra de 40 metros, o máis longo de España. Porén, Cangas ten moito máis que ofrecer ca unhas cantas raias (refírome ás do paso de peóns). Máis aló de praias paradisíacas e paisaxes abraiantes, propoñémosche un percorrido por algúns dos lugares máis singulares da capital do “Morraso”.

1. Antiga fábrica conserveira de Massó

O que foi un enorme complexo industrial que contaba con gardería, vivendas para o persoal e ata unha planta de procesado de baleas, representa hoxe a creba do sector conserveiro na comarca. A xoia da coroa é a impoñente fábrica, de estilo modernista e coroada pola torre Massó, que segue a ver pasar un PXOM tras outro sen saber que vai ser dela. Mentres, sobrevive como fogar do botellón. O recomendable é chegar a Massó pola senda costeira de Areamilla, tamén coñecida como a “ruta do colesterol”.

2. Wells Libros

Esta agradable libraría, situada na praza do Arco (en pleno centro histórico) é un descubrimento para calquera lector, tanto pola súa variada oferta, que inclúe a autores galegos, cómic e manga, como polo persoal atento e entendido que a leva. Un detalle que nos encanta: con cada compra levas como agasallo unha figura de cartón do home invisible de H. G. Wells!

3. Casa da Xuventude

Se segues polo casco antigo (ou “calles de atrás” en dialecto “morrasense”), na rúa Real, xusto fronte á igrexa, atoparás a Casa da Xuventude. Este edificio foi sede da casa do Concello e nel viviuse un dos episodios máis escuros e surrealistas da historia recente de Cangas: a caída en desgracia do alcalde Lois Pena, máis coñecido como o “Bochechón”. En 1989, Pena decretou un forte aumento do catastro, o que causou unha violenta revolta que rematou coa Garda Civil desaloxando o concello e repartindo leña polas rúas da vila. A situación chegou a ser tan tensa que Pena xa non podía entrar en Cangas sen que o insultasen ou agredisen. Foi así como xurdiu a primeira xestora municipal da democracia.

4. La Checa

Despois dunha historia tan intensa, apetece relaxarse un pouco cunha caña ou un descafeinado. Nada mellor que facelo neste bar da rúa Lirio de ambiente hipster relaxado no que as consumicións veñen acompañadas de palomitas e onde se organizan ciclos de cine, sesións vermú e eventos culturais moi interesantes.

5. Salasón

Na mesma rúa do Lirio, un pouco máis arriba, está a sala Salasón, onde se organizan algúns dos concertos de jazz, folk e, sobre todo, rock máis potentes das Rías Baixas. Moitos dos grupos que tocaron aquí din que esta sala ten algo especial, o que non podes negar se viches a un cantante melenudo e sen camiseta percorrendo o local no medio dunha canción para subir á barra e botar cervexa sobre o público en estado de éxtase (si, estas cousas pasan).

6. A Fonte do Galo

A dous pasos da rúa do Lirio atopamos un local emblemático da movida rockeira canguesa, A Fonte do Galo. Amado fogar do licor café e as pipas, un deses bares no que todo acontece a partir da unha da madrugada. Tamén organizan pequenos concertos (de rock, claro), exposicións e pases de documentais.

7. Rotonda do gordo

Como punto trash da visita está a “rotonda do gordo”, en referencia á escultura que dá a benvida a Cangas aos visitantes nunha das principais vías de entrada á vila. O feito de que a alguén se lle pasase pola cabeza recibir á xente desta forma déixanos sen palabras. Caben dúas posibilidades, ou ben un funcionario do Concello chegou de resaca despois dunha noite de licor café na Fonte do Galo ou foi alguén de Moaña.

Shares

Etiquetas

2 comentarios

  • Ana di:

    Un de Moaña? Non hai esa rivalidade que queres dar a entender. Resulta que ese “gordo” é un dos tantos espallados por Galicia adiante, que é obra de Ramón Conde. Penso que é un orgullo para un concello recibir aos seus visitantes (e veciños de Moaña) cunha obra deste calibre.

  • Rocío Meira Carrillo di:

    En Cangas dicimos “calles de arriba” , non “calles de atrás”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *