Seguindo ás mulleres das Letras Galegas

Se se fai unha viaxe dende o comezo ata o final —por agora— da celebración do Día das Letras Galegas, vaise dunha escritora a outra. A primeira autora homenaxeada pola xornada (e primeira persoa absoluta que tivo un Día das Letras Galegas na historia) foi Rosalía de Castro. A última (polo momento) persoa en protagonizar a xornada foi outra escritora, María Victoria Moreno. O día foi de muller a muller, a pesar de que no camiño do medio quedou un tanto escaso e pobre no que a mulleres homenaxeadas se refire. Pero este comezo e este final foron os que serviron de inspiración á ilustradora Mareiras.

As nosas letras de Muller a Muller é o primeiro libro de ilustracións da artista compostelá Mareiras (con textos de Ánxela Lema París), que é unha sorte de guía ilustrada do Día das Letras Galegas, unha especie de dicionario ilustrado de todos os autores que foron os protagonistas da xornada nos 56 anos que se leva celebrando. Entre todos eles, o libro quere poñer en valor a Rosalía e Moreno, xunto coas outras dúas autoras que foron escritoras Letras Galegas, Francisca Herrera Garrido (1987) e María Mariño (2007).

Para capturar ás escritoras (e aos autores que as acompañan), Mareiras traballou con bolígrafo e manchas de tinta. Como nos explica por correo electrónico, emprega “primeiro o bolígrafo porque me interesa captar a forma a través da liña”. “Ese xeito de traballar permíteme un estado de concentración moi profundo, no que só presto atención á liña, entendida como límite da forma”, engade. Logo engade a tinta “como contraste” e para “rachar coa uniformidade que dá o branco do papel”.

A tinta que emprega para dar ese toque final á ilustración é tamén especial. A artista faina ela mesma, empregando bugallos de carballo e seguindo a mesma receita que Leonardo da Vinci usaba no seu tempo. “Fago a miña propia tinta porque gozo dos procesos de investigación”, confesa.

“Sempre me gustou o aspecto dos debuxos dos mestres do Renacemento“, engade, explicando que cando descubriu que a tinta que os renacentistas empregaban partía de algo tan común como os bugallos de carballo decidiu “probar” levada pola curiosidade.

“Gustoume a cor resultante, diferente a calquera outra, viva, cambiante e sobre todo resultado dun proceso natural, libre de aditivos”, apunta. Esa é a tinta que empregou ao crear, primeiro para ela mesma e logo para o libro, as ilustracións de As nosas letras de Muller a Muller.

O libro será presentado hoxe martes, 18 de decembro, ás sete da tarde, na Libraría Couceiro.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *