NOS Primavera Sound 2018: 10 artistas que non nos perderemos

Un ano máis, chega a semana do NOS Primavera Sound en Porto e, un ano máis, estaremos alí para cubrilo. Se vas estar por alí estes días e non tiveches tempo de facer os deberes, non pasa nada. Podes escoitar a típica playlist, ir sen saber nada e deixarte sorprender ou ler algunhas listas como esta para saber que nomes se repiten, cales chaman a túa atención e cales esqueces unha e outra vez.

Estes son os 10 artistas que nós non perderemos estes días en Porto:

Waxahatchee

O trauma de pretender lembrar ou escribir de memoria o nome supérase escoitando a música. Waxahatchee é o proxecto de Katie Crutchfield, indie rock do bo con voz desas que transporta. O seu último disco, Out in the Storm, é bastante fantástico.

Father John Misty

Deixarei de lado o superficial para intentar non soar como eses xornalistas estranxeiros namorados de Pedro Sánchez. A primeira vez que vin a este home era batería de Fleet Foxes e fixo de teloneiro como J. Tillman, moi lento, triste e ata aburrido. A segunda vez, xa como Father John Misty, non podía crer que fosen a mesma persoa. Agora que Father John Misty xa é un proxecto coñecido tres discos —o último aínda quentiño, saíu o venres pasado— moi sólidos e cheos de temazos detrás, vai sendo hora de admitir que isto é máis que unha gloriosa broma.

Ezra Furman

Ezra Furman é deses músicos que unha non sabe se calificar de clásicos ou de profundamente transgresores, e posiblemente ambas cousas sexan certas. As guitarras, a voz e as cancións levan xa moitos anos creando discos fantásticos como o que vén de sacar este ano, Transangelic Exodus.

Lorde

Todos cantamos Royals con alegría e algo parecido á vergoña, ao non querer que ningún dos nosos amigos máis puristas soubese que nos parecía unha marabilla. Pero 2017 cambiou moitas cousas: caemos rendidos ante OT e decidimos que eran cool e, pola súa banda, Lorde lanzou Melodrama e todos deixamos de finxir que eramos mellores que a súa fama mainstream. Botamos en falta que lle puxesen a Amaia algún dos seus temas na Academia, pero a explosión tería sido demasiado grande.

Yellow Days

Este mocoso de 18 (ou igual xa 19 anos) fai unha cousa moi especial e bonita coa súa voz, chea de intensidade e desgarro, que é o que un necesita cando canta sobre amor e desamor e crecer con depresión. Sintetizadores, guitarras e todo moi lo-fi. O segredo está nesa voz que parece saír do máis profundo das súas tripas e facernos crer que leva sobre o planeta algunhas décadas máis.

Nick Cave & The Bad Seeds

Non hai que dicir por que, non? Nick Cave é sempre unha aposta segura e unha experiencia case sobrenatural.

Superorganism

Chamaba mocoso a George van den Broek, alma máter de Yellow Days, pero en realidade o premio a persoa máis nova que fai que o resto nos sintamos vellos é para Orono Noguchi, a cantante de Superorganism,  que anda polos 17 ou quizais xa 18. Os seus compañeiros de grupo son maiores, iso si. Orono era fan de The Eversons, o grupo que tiñan os outros compoñentes, coñeceunos en Xapón —aínda que uns son ingleses e ela estadounidense—, fixéronse amigos grazas a unha pasión compartida polos memes, e montaron o grupo vía Skype. Unha historia de amor millennial —aínda que ela vai xa pola Z—. A música? Pop divertido e de cores.

Mattiel

Ademais de ser deseñadora en Mailchimp, Mattiel Brown ten un grupo que leva o seu nome e no que fai rock con influencias de The White Stripes (Jack White é fan) e Peter, Paul, and Mary. O resultado de tan curiosa (pero tamén lóxica, en realidade) mestura tennos bastante namoradas.

Kelsey Lu

O seu primeiro EP, Church, chamábase así por ter sido gravado nunha igrexa, unha simboloxía relixiosa da que Kelsey Lu non renega: creceu como testemuña de Xehová, rodeada de música pero non de demasiado pop. Ao cumprir os 18 colleu o seu chelo e marchou para estudar. A súa música xira arredor de dous instrumentos, o chelo e a súa voz, que se mesturan e bailan e combinan para chegar a lugares insospeitados.

Nils Frahm

Non hai compositores de música clásica no século XXI? Claro que os hai e non hai que ir buscalos ao nicho do xénero. O alemán Nils Frahm enche os seus concertos de xente nova e moderna famenta dos experimentos que fai co seu piano. Escoitalo é unha experiencia e el mesmo di que ten habido desmaios entre o público dos seus concertos. Intentaremos non chegar aí, pero si ao borde, ao case, a mirar o abismo musical cara a cara.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *