Libros á Escena: facendo visible o libro galego

Maio é o mes das flores (ou iso era na miña escola) e tamén –polo menos en Galicia– o mes da literatura. Dado que o 17 de maio é o Día das Letras Galegas, o mes está habitualmente –e especialmente nas primeiras semanas– cheo de actividades relacionadas cos libros e coas letras. E entre as que descubrimos para este ano, unha chamou bastante a nosa atención. É a que organiza Compostela Literaria, o colectivo de editoriais e librerías de Santiago que está detrás de moitas cousas librescas na cidade (como a Romaría dos Libros). Chámase Libros á Escena e invita a simplemente poñer os libros nun lugar visible.

Facer que o libro en galego se vexa, colocándoo e todas as partes, sexan ventás, balcóns, mostradores, redes sociais, escaparates, coches, peto das chaquetas, cociñas, baños, mostradores, etc. Onde se nos ocorra”, apuntan no evento en Facebook no que convocaron a iniciativa.  Preguntamos aos organizadores cando poderíamos sacar os libros a esa escena e dixéronnos que é “dende xa”. A acción rematará tras o Día das Letras Galegas.

O único que ten de difícil a acción é a de escoller que libro mostrar. Cando lle preguntamos aos organizadores se había algunha norma específica para participar e se simplemente se trataba de poñer libros en lugares visibles, explicáronnos que si, que iso era. A única norma a seguir é que os libros sexan en galego. Isto obriga a ter que escoller entre a biblioteca persoal (o que sempre é complicado) pero unha vez que se teña cumprido con ese punto xa se estará preparado para entrar no acto. Só haberá que situar o libro escollido nun lugar ben visible.

E, por suposto, calquera pode participar. Esta non é unha iniciativa para bibliotecas, librerías e escolas. Eles poden participar, claro, pero a idea é que todo o mundo poda mostrar as súas lecturas. “Pode e débese sumar calquera”, explícannos por mail os organizadores.  “A iniciativa nace con vocación de ser popular, sen protagonismos especiais, e que sexa asumida pola sociedade compostelá”, engaden.

Por agora, a idea está en Santiago, pero os organizadores parecen bastante abertos a deixar que lles collan a idea como demostran cando lles preguntamos se cren que a idea podería saltar as fronteiras de Santiago e comarca. “Nace en Santiago, pero gustaríanos que nola “roubasen” no resto de Galicia”, confesan.

Así que –esteades onde esteades– sacade os libros á vista.

Foto Negative Space/ Pexels

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *