Os novos nomes hipster para bebés son os dos mobles de Ikea

 

Esquece Sebastián, Lola, Olivia ou Orly (nomes hipster que me recomendou Google cando busquei o tema) como propostas onomásticas para aplicar a un recén nacido. A nova tendencia hipster de nomes para nenos é aínda máis exótica que poñer a un bebé o nome dun aeroporto (Orly non vos di nada?) e pasa por escoller como elemento para a onomástica os nomes dos produtos de Ikea.

A última tendencia moderna en nomes está en buscar o nome perfecto no catálogo da última colección da multinacional sueca. Ben, máis ou menos.

Non é que o que vos estea contando sexa ‘fake news’, aínda que si bastante probablemente unha lixeira esaxeración pero quen sabe se o principio dunha gran tendencia. (Pero xa fixeches clic e estás dentro do meu artigo, que era a miña maliciosa idea dende un principio!)

A idea de que os hipsters empezaron a poñer aos seus fillos nomes sacados dos nomes dos mobles de Ikea foi unha das novas que percorreron durante os últimos días as páxinas de curiosidades dos medios en inglés. En realidade, todo comezou cunha publicación nun blog dunha páxina para futuros pais británica na que unha autora (eu imaxínoa como unha pobre xornalista desesperada por atopar un novo tema co que cumprir o prazo de publicación) especulaba co potencial do catálogo de Ikea como elemento para dar nome aos nenos.

“Poñerlle ao teu bebé un nome sacado dos mobles de Ikea pode parecer ridículo nunha primeira ollada, pero non desbotes a idea!”, apuntaba, sinalando como moitos nomes do catálogo funcionan moi ben (“sorprendentemente”) como nomes que tanto serven para nenos como para nenas. Malm, Tarva, Ivar, Cilla, Malinda ou Mydal son algunhas das propostas ofrecidas (a min o de Mydal suxíreme máis o nome dun antibiótico, confeso).

Polo de agora, en España non hai ninguén (ou polo menos non hai máis de 20 persoas) que se chamen Mydal, Mata, Cilla, Lack, Malinda, Malm ou Sommar (a fascinante ferramenta de nomes do INE axudou a descubrir este dato).

Pero, en certo modo, a idea de sacar o nome do teu futuro descendente do catálogo de Ikea non é tan delirante se se pensa en como isto encaixa coas grandes modas en onomástica que se aplican neste momento (si, no dos nomes hai modas a esgalla). Como lembran en Business Insider, as dúas grandes tendencias son as de usar os nomes de iconas pop dos 90 ou – e aquí é onde os produtos de Ikea veñen moi a man – poñer nomes neutros en termos de xéneros.

E, por outra banda, os nomes de orixe escandinavo tamén están de moda (en inglés polo menos seguro, que o din en Business Insider, e en España diría que tamén, que hai bastantes artigos de medios que buscan como sexa facer SEO para atraer tráfico sobre o tema), o que fai que Mydal e Malm teñan a súa ventá de oportunidade.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *