É a próxima fronteira do turismo de luxo viaxar no teu propio tren?

 

 

Para todos aqueles que amamos viaxar en tren por riba de calquera outro medio de transporte (e creo que xa quedou claro ao longo do tempo que en Disquecool somos bastante ‘tren-friendly’), pode que na lista de cousas que poderían parecer unha opción de turismo ben atractiva estea a de viaxar nun deses antigos trens de luxo do pasado reconvertidos agora en viaxes-experiencia, como ocorre co antigo Orient Express ou co Transcantábrico. Pero pode que todo isto pareza pouco emocionante se se compara co que están a facer xa algúns estadounidenses. Eles, como os aristócratas do pasado, viaxan en tren privado.

Os ricos e famosos (sobre todo ricos) da Belle Époque viaxaban nos seus propios trens privados. Agora as súas viaxes aparecen nas novelas históricas e nas películas, cando o protagonista millonario simplemente engancha o seu tren privado a unha máquina e percorre Reino Unido ou, e sobre todo, Estados Unidos. Na España da Restauración non había trens privados de ricos e famosos (polo menos que saibamos), pero si a familia real contaba cos seus propios trens de luxo. A compañía MZA tivo un tren real que empregaron Isabel II, Amadeo I e Afonso XII, a Compañía de Asturias-Galicia y León tivo outro que usaron Afonso XII e María Cristina para inaugurar a liña e a Compañía del Norte fixo uns vagóns exclusivos para a familia real (e o tren no que se enganchaban para ir de veraneo era conducido por un duque).

A idea daqueles vagóns e trens privados era a de viaxar cunha comodidade maior que a que ofrecían os trens de pasaxeiros de liña regular. E esa é a idea que tamén buscan os viaxeiros que agora usan os seus propios trens. No The Wall Street Journal falaron con estes propietarios de trens privados e, en xeral, falan da comodidade, da experiencia e de como poden percorrer o país dun xeito diferente. É como ter unha residencia de verán de luxo, pero sobre raís.

En Estados Unidos existen xa 150 trens privados. Estes trens son vagóns ou conxuntos de vagóns históricos, que os seus donos mercaron e restauraron ata recuperar o seu máximo esplendor. Mercar un tren do pasado sae por entre 25.000 e 800.000 dólares, pero a restauración para levar o tren ao seu máximo luxo pode chegar ao millón de dólares (segundo as contas do Journal). A iso hai que sumar que o tren ten un custe de mantemento e que só o gardalo cando non se usa sae por entre 600 e 1.000 dólares ao mes. Non é algo para todos, pero posiblemente se es rico ou se os trens son a túa máxima paixón (un artigo de hai uns anos do Business Insider apuntaba que entre os propietarios de trens privados tamén hai entusiastas do ferrocarril) non sexan tantos cartos.

O fascinante non é só que en Estados Unidos exista quen queira e poda viaxar no seu propio tren privado, senón tamén o modo en que poden facer algo así. Só hai que enganchar o tren privado a un tren de liña regular da compañía Amtrack (a empresa pública de transportes en tren) e pagar unha sorte de billete á firma. O prezo está nos 2,90 dólares por milla percorrida (ao que hai que sumar certos custes anuais). Segundo as cifras do Journal, sae a decenas de miles de dólares ir dunha costa a outra de EEUU. Partindo da distancia en millas por estrada de Santiago a Madrid –377,5 segundo Google Maps– unha viaxe así en España podería saír por uns 1.095 dólares. O equivalente de costa a costa é difícil de estimar, pero Vigo e Barcelona están separadas por 716,1 millas, o que dá uns 2.077 dólares.

Poderíamos mercar os nosos propios vagóns de luxo, restauralos e enganchalos a un tren de Renfe? En realidade, non.

A información sobre a posibilidade de viaxar no noso propio tren privado por Europa que se pode atopar na rede é un tanto confusa e non é sinxelo interpretar onde e que tipo de viaxe poderíamos facer, así que decidín preguntar directamente ao departamento de prensa de Renfe. E non, non é posible facer algo así en España. O máis próximo á experiencia podería ser a de alugar un tren chárter, pero sería Renfe a que faría e poría todo (é un tren de Renfe, con traballadores da operadora e controlado por ela, como tamén explican na súa web).

O de enganchar o meu propio tren aos trens da compañía non sería por tanto posible e o meu soño –construído rapidamente mentres lía as testemuñas dos millonarios do Journal– de mercar o meu retro e luxoso tren de hai cen anos para percorrer a Península con glamour terá que quedar para outra ocasión.

 

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *