Festival Nun Local: facer barrio fomentando as artes locais

Foto de Ana Cruces. Cortesía Festival Nun Local

Hai uns anos falabamos emocionados da primeira edición de Festival Nun Local, esa pequena revolución que encheu moitos locais de comercio pequeno no Casco Vello de Vigo de concertos, obras de teatro, exposicións artísticas e moitas desas cousas que estamos afeitos a ver sobre un escenario. A idea era, como nos contou daquela Edi Morgan, organizador do festival, demostrar que «as salas grandes non son os únicos sitios onde se pode actuar, expoñer e tocar». Que a que empeza mañá 15 de marzo sexa xa a súa cuarta edición e que os espazos xa non estean só no Casco Vello, senón tamén en Casablanca e en Churruca, deixa claro que a do Festival Nun Local é unha historia de éxito.

Vaiamos primeiro aos datos prácticos: esta cuarta edición celebrarase os días 15, 16, 17 e 18 de marzo. O primeiro día, o xoves, en Churruca (desde as 20:30); o venres en Casablanca (desde as 19:30), e a fin de semana no Casco Vello (desde as 12).

Que poderás ver se te achegas algúns destes días polos locais que participan? De todo: concertos de moitos tipos de música (de post-rock a clásica, pasando por indie, fado, ukeleles ou música senegalesa), proxeccións audiovisuais, danza, microteatro, monólogos, poesía… En canto aos espazos, ademais de bares e restaurantes, hai lugares como librarías, tendas de deseño, unha queixería ou unha autoescola.

Foto de B. Afonso. Cortesía de Festival Nun Local.

Este ano hai ademais unhas cantas novidades. As colaboracións con outros festivais e entidades facilitan que haxa máis diversidade artística: a proxección de curtas grazas á colaboración co festival Primavera de Cine, moita máis programación poética da man da colaboración con Poemaria, e máis presenza lusa pola colaboración co Instituto Camoes. Ademais, é posible que xa teñas visto pola rúa algunha das accións relacionadas con esta cuarta edición do FNL: as Artistas de Davida, nove murais en distintos puntos da cidade con ilustracións dalgunhas das artistas que teñen pasado polo festival.

Foto de Olalla Rodríguez

A filosofía do FNL segue a ser a mesma que na primeira edición: fomentar as artes locais e o comercio pequeno, achegar esa arte á xente sacándoa de teatros e auditorios e, sobre todo, crear comunidade, crear barrio. Lembrar a importancia do tecido local nas cidades, de valorar a nosa diversidade e calidade artística, de saír á rúa e coñecer os nosos veciños.

Durante estes catro días podes entrar nos locais e gozar destes espectáculos de forma totalmente gratuíta, pero lembra que as boas ideas custan tempo, esforzo e, si, tamén cartos. Para colaborar co FNL, que funciona con moito amor e voluntarios e é 100% autofinanciado, podes mercar a chapa oficial por 5 euros (son todas únicas e deses 5 euros, un é para Silvia Sánchez de Le Chanelas, a artista que as fixo unha a unha) ou deixar algo na Taquilla inversa: ao saír dun espectáculo, podes decidir pagar unha entrada.

Foto de Paula Cermeño. Cortesía de Festival Nun Local

Gisela marcha xa mañá, así que non tes escusa.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *