Axenda cool para a fin de semana (17-20 de novembro)

Ten un fío argumental esta axenda para a fin de semana? Ten. O fío de hoxe son os libros (si, na redacción de Disquecool somos un tanto ‘bookish’ – ou, perdoade o momento spam publicitario, librópatas – e por tanto o dos libros é algo que nos parece estupendo para unir todo o noso ocio para a finde) con cuestións diversas.

NaNoWriMo

NaNoWriMo é unha proposta que naceu en San Francisco pero que agora é global. Invita a escribir unha novela nun mes, o de novembro. Xa vos falamos desta idea, que invita a producir 50.000 palabras entre o un e o 30 de novembro. Sei que imos un pouco con retraso, pero podemos empezar dende o 17 de novembro ata o 17 de decembro por aquelo de non ser tan mainstream.

En calquera lugar e en calquera momento

Mantiña, sofá e bo libro

Xa veu o frío (e ben podía vir xa a chuvia tamén), así que tes unha escusa perfecta para quedar na casa cun bo libro e ler. Podes coller algún título da nosa selección ou innovar, facer café, buscar unha boa postura e ler.

Balnearia Bibliográfica

A esta exposición déronlle un prórroga, así que se es desas persoas que pensaban en ir pero non foron é o teu día (eu era desas e fun o sábado pasado). É un percorrido pola historia dos balnearios en Galicia (que realmente é fascinante!) pero a través da pegada bibliográfica. Pode que che deixe un pouco con ganas de máis, pero vale como primeiro contacto co tema.

Na Biblioteca e Arquivo de Galicia, Santiago de Compostela 

Un vermú por Vindel

Vale, antes se cadra deberíamos ir ver o pergamiño Vindel (está no Museo do Mar, en Vigo, ata o 4 do marzo) pero isto leva vermú no nome e ten o seu atractivo (o noso cerebro está facendo o link vermú… tapa… cousas ricas… pero, oe!, é pola cultura!). Non temos moi claro que dean de comer ou vermú, pero si que haberá libreiros falando de libros e expertos falando de literatura e outras cousas medievais.

En Bueu, esta finde, na Sala de exposicións Amalia Domínguez Búa

A libraría

O libro está moi ben, así que esperamos  que a película tamén. Unha muller decide abrir unha libraría nunha vila inglesa despois da II Guerra Mundial (ben… alá nos anos 50 xa) e acaba chocando coas forzas vivas cando decide vender Lolita.

En Vigo e na Coruña está, pero esperamos que chegue a máis cines! 

Fotos Cidade da Cultura de Galicia, Pixabay/Pexels

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *