Globenmuseum: o mellor museo do mundo está en Viena

Cando na década de 1880 Max Vladimir Freiherr von Beck, futuro primeiro ministro de Austria e afeccionado á colección de globos terráqueos, recibiu unha caixa enorme desde Roma na que, segundo os documentos de aduanas, había “Maccaroni”, quedou un pouco estrañado e molesto. Desde logo, el non lembraba ter feito aquel pedido e non sabemos ben se daquela xa existía o problema que ten moita xente agora con Amazon de pedir cousas inútiles mentres están baixo os efectos do alcol. Para o seu alivio, a enorme caixa non estaba chea de pasta, senón que se trataba de varios globos terráqueos que Von Beck pedira había xa un tempo. Simplemente, en aduanas interpretaran como “maccaroni” algo no que na realidade estaba escrito “Mappamondi”.

Esta é unha das anécdotas que máis me marabillaron do Museo dos Globos de Viena cando estiven alí esta pasada primavera. Un lugar escuro e algo frío (é o que ten ter que conservar modelos de hai varios séculos), pero totalmente fascinante. Uns 240 globos de distintas épocas, tipos e tamaños no que ademais é o único museo público do mundo adicado únicamente a estas fermosas esferas terráqueas e celestiais.

Planetario mecánico

No museo hai, por suposto, globos. Algúns exemplares xigantes, como un par (terráqueo e celestial) de Vicenzo Coronelli de 110 cm de diámetro (chegou a facelos de máis de tres metros), e outros diminutos, deses que poderiamos converter en chaveiro ou levar no peto. Porque eran, de feito, para iso: segundo conta un dos paneis do museo os globos de peto estiveron de moda durante o século XVIII.

Tratábase de pequenas caixiñas esféricas que se abrían, mostrando na parte cóncava interior un mapa celestial e nas que se gardaba un globo terráqueo. Algúns destes globos interiores podían, á súa vez, abrirse: dentro había escondida unha esfera armilar ou astrolabio esférico. Por que estaban de moda? Para zanxar discusións xeográficas antes da Wikipedia? Non, eran simplemente un símbolo estatus.

O museo é deses lugares dos que un sae desexando ser coleccionista de globos, porque hai moitísimo que coleccionar. Houbo unha época na que, polos altos costes de producir unha destas esferas a man, a xente recurría a globos plegables: seis láminas de cartolina pegadas e dobradas que, mediante un sistema de fíos, podían abrirse para ver algo parecido a unha esfera; tamén estaban os globos inchables, que se vendían cun fol e con instruccións de uso; ou os que se abrían cun mecanismo parecido ao dun paraugas.

Globo plegable

Pero máis ca un lugar de curiosidades e globos antigos con monstros no mar, o Globenmuseum e un lugar do que saes sabendo moito máis: hai unha explicación moi clara de como se forman esas esferas terrestres e celestiais, moitísima historia da xeografía e das exploracións (aprendín aí a pequena historia de que California apareceu como illa durante dous séculos) e ferramentas virtuais que permiten comparar mapas de distintas épocas.

Detalle de mapa antigo

Non é casualidade que este museo estea en Viena: é desde hai séculos o centro da globoloxía e do coleccionsimo privado de globos, ademais de ser onde está a sede da International Coronelli Society for the Study of Globes. O Globenmuseum está no primeiro andar dun palacio barroco, o Palais Mollard, no centro histórico da cidade. No baixo está o Museo do Esperanto, fundado en 1927. Podes visitalo coa mesma entrada e debes facelo: paga tamén moitísimo a pena.

Fotos | Disquecool

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *