Unha lista de libros para ler con sofá, café e mantiña

Vouvos contar unha historia. Este verán estaba buscando que ler. Creo que o mellor de ir á praia e, directamente, meter o libro na bolsa: as vacacións son para ler. E pensei entón que posiblemente se eu estaba nesa situación outros estarían tamén na mesma. Atopar libro para ler na praia non sempre é sinxelo (cada quen ten, ben o sei, as súas preferencias de lectura para eses momentos) e as listas de X libros para ler na praia son case como unha chamada para o clickbait inevitable. Así que decidín facer a miña propia lista e preguntar ás editoriais que é o que eles recomendarían para ler na praia do que eles mesmos publicaron este ano e do que están publicando os seus competidores. Esas eran as dúas preguntas que lles mandei a varias editoras (en pleno verán, así que non logrei respostas de todas).

Que é o que aconteceu despois? Ben, eu marchei de vacacións, Disquecool marchou de vacacións moito tempo (dous meses? Poderedes dicir que case dous anos… pero non entremos niso) e as respostas quedaron un tanto perdidas na miña caixa de correo.

A verdade é que case se podería facer unha lista de libros para levar á praia aínda a estas alturas porque estamos tendo un outono do máis agradable, pero sei que non é o que toca. O que toca agora, e o que todos esperamos con moitísimo entusiasmo, e a chegada do frío/choiva e da por tanto escusa perfecta para quedar na casa no sofá, cunha mantiña, un café e un bo libro. E o certo é que as recomendacións que me fixeron as editoriais para o verán ben valen tamén para ler nesas tardes de outono. A idea do ‘libro para levar á praia’ é a dunha historia que atrape e que manteña a nosa atención. A idea do ‘libro para ler con sofá e mantiña’ é un pouco a mesma (eu sumo ademais nas miñas predileccións historias de misterio de época, que son moi do momento).

Que ler por tanto agora que chegan as tardes de lectura? Isto é o que me recomendaran:

Dende Urco Editora

Publicado por eles mesmos:

O tabú na traslenda, “porque é unha obra de desbordante imaxinación que vén achegar un autor sobranceiro como Isidro Novo ao noso catálogo”

Mulleres Bravas da nosa historia: Maruja Mallo, “porque detrás deste libro para crianzas (e adultxs) está o traballo de edición e creación máis profesional nos 10 anos da editora. E porque este é o ano de Maruja Mallo e porque a colección mola mil e é moi necesaria”. Tamén recomendan o libro desta colección sobre María Victoria Moreno. “O vindeiro ano, dedícaselle o Día das Letras Galegas, con moita razón. Muller brava imprescindible. Mestra, escritora de ensaio, poesía, novelas para persoas adultas e sobre todo, autora de literatura infanto-xuvenil”.

Sangue 12,  “porque é o libro que máis quero e recomendo da editora e para quen o lea no verán pode servir para coñecer unha autora que volverá publicar con nós (a súa obra magna) á volta das vacacións”.

Publicado por outras editoriais:

Como falei con eles en verán (si, son unha persoa terrible que algún día será castigada polo karma dos deadlines) xa me falaban de Luns, de Eli Ríos, aínda que recoñecían que non aparecería ata setembro (boas noticias para vós, lectores, xa está en librerías. Tamén recomendaban “A dúbida, de María Reimóndez, porque é deses libros que entreteñen e dan que facer á cabeza e está escrito con unha mestría e precisión como poucas veces teño visto”.

Corazón e demais tripas, de Emma Pedreira. “Este libro acadou o premio Narrativas Quentes que convoca e publica a editorial Positivas”, explican dende a editorial. “Relatos intensos nos que non falta o sarcasmo, o humor, puntos de surrealismo que non deixan indiferente ao lectorado. Todos eles narrados coa finísima poética da autora”.

Dende Kalandraka

Do seu propio catálogo:

A terra de Anna, de Jostein Gaarder, traducido ao galego por David Álvarez. “Trátase dunha novela que aborda o desafío medioambiental a través dunha historia contada con emoción e misterio. A súa protagonista é unha nena que, nun soño premonitorio, é transportada desde a súa idílica cabana na montaña norueguesa ata o mundo desolado e agonizante no que vive a súa bisneta Nova, no ano 2082. Ao espertar dese pesadelo, Anna e o seu amigo Jonas, xunto co doutor Benjamin, tentarán advertir a humanidade do perigo para evitar a catástrofe natural: o abuso do petróleo, a emisión descontrolada de CO2 á atmosfera, a deforestación das superficies arboradas… son moitas as ameazas reais e pouco o tempo para inverter a tendencia destrutiva que aboque a un escenario tan apocalíptico. Unha lectura pois, moi interesante e necesaria para tomar conciencia da importancia de salvar a Terra”.

Doutras editorias:

O último día de Terranova, de Manuel Rivas. “Gañadora do Premio da Crítica 2015 e do Premio de Narrativa na Gala do Libro Galego 2016, a última novela dunha das figuras máis sobranceiras das letras galegas contemporáneas é unha emocionante viaxe ao pasado dun libreiro e dunha libraría no seu derradeiro día aberta ao público; unha homenaxe á memoria, á resistencia como actitude vital do protagonista fronte á represión nun tempo dominado pola intolerancia e a violencia, mais tamén como espazo de liberdade polo lugar onde transcorre o relato: o fogar dos libros, da cultura, do pensamento”.

Dende Hugin e Munin:

“Do noso catálogo, eu persoalmente recomendaría O xogo serio, de Hjalmar Söderberg, un escritor sueco de marca maior. A novela en cuestión está por fin en galego grazas a tradución que fixo para nós Marta Dahlgren”. Recomendaban este libro “porque ten unha historia que atrapa sen requirir excesiva concentración por parte do lector. En esencia, é unha historia de amor, que como tal non pode senón dar nun drama”.

Do publicado por outras editoriais:

Persuasión, de Jane Austen. “Unha alfaia da literatura inglesa e do feminismo. A tradución é de Celia Recarey”. *

O alfaiate portugués, de Xavier Senín. “Unha recompilación de artigos e brevísimas crónicas do cotián que, para quen len en pequenas doses, poden dar para un mes de praia. Debo destacar tamén a falta de pretensiosidade das narracións, o cal entendo que as fan aínda mellores”.


* A miña opinión non interesa tanto pero, en serio, Persuasión é perfecto para sofá e mantiña. Teño na miña lista de temas pendentes dende que apareceu a tradución galega facer unha lista de todas as razóns polas que deberiades ler con entusiasmo esta novela de Austen.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *