Que é o roller derby? Un deporte que medra sobre rodas

*Colaboración de ifrit

A principios de ano disputouse no pavillón de Monte Alto da Coruña o primeiro partido de roller derby desa cidade. Todo un acontecemento histórico!

No scrimmage (literalmente “escaramuza”, pero aquí entendido como un partido amistoso)  enfrontáronse xogadoras de equipos galegos e do resto do Estado mesturadas e disfrazadas de heroínas nun e de vilás noutro.

O roller derby ten as súas orixes nos piques de velocidade das pistas de patinaxe dos EUA de principio do século XX e chegou ata os nosos días como un deporte de contacto maioritariamente xogado por mulleres e con toda unha cultura característica ao seu arredor. Nunha pista ovalada (podes converter un rectángulo nun óvalo con cinta adhesiva) dous equipos de cinco xogadoras, cada unha equipadas con patíns dos de toda a vida, casco e proteccións para cóbados e xeonllos (o equipo completo inclúe proteccións para pulsos e dentes) organízanse da seguinte maneira: en cada equipo hai unha jammer (a que leva a estrela no casco), tres bloqueadoras e unha pivote que dá as ordes (estas catro xuntas forman o pack).

O obxectivo é que, dando voltas todas á pista, a jammer supere o pack do equipo contrario, que sempre deberá permanecer xunto. Despois de facelo a primeira vez, cada vez que supere a unha xogadora do outro equipo recibirá puntos. Para evitar ser superadas as xogadoras só poderán usar cadeiras, ombros e traseiro. Os partidos divídense en dúas metades de 30 minutos cada unha e en cada metade xóganse jams que duran 2 minutos. E isto é basicamente o roller derby.

O que se puido ver por primeira vez na Coruña foi unha gran festa onde xogadoras das Brigantias RD (organizadoras coa axuda da Federación Galega de Patinaxe), Vigo RD, Negra Sombra RD, RD Madrid, Rayo Dockers RD, Lion Girls RD e algunhas fresh meat (novatas que se apuntaron para a ocasión), supervisadas polo zebra team (o raiado equipo de árbitras) remataron cun marcador de 157 – 59.

Pero aquí non remata todo, porque se o rugby ten o seu famoso terceiro tempo o roller derby ten a afterparty, que desta volta foi nun pub da Coruña con xogadoras, afeccionadas e árbitras a bailar, beber e comer un catering vegano. Let’s go!

Gustarache o roller derby se che gusta algunha destas cousas: velocidade sobre patíns, rock&roll, disfraces (sempre que non molesten ao xogo), alcumes (Iriascible, Lady Moratón, Ohana 626, Sailor Moore…), todo tipo de corpos, parches, festa, irmandade feminina, DIY, autoxestión… e moito máis. O roller derby chegou a Galiza para ficar.

Si, ficar, porque inda que a historia do roller derby apenas chega ao lustro no noso país as actividades e estilo de vida que o rodean non deixan de medrar, os equipos seguen buscando xogadoras e cada día máis xente se achega a este emocionante deporte. Pregunta no equipo máis cercano porque na túa cidade tamén hai outras mulleres agardando a pór os patíns e botarse á pista a correr.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *