Por que o próximo cóctel de moda saberá como a túa larpeirada favorita da infancia

batido coctel

Cada certo tempo aparece unha cousa nas cartas de cócteles dos bares (ben, xa mesmo que existan cartas de cócteles é parte dunha moda: os cócteles volveron con forza hai uns anos), que cambia o que está de moda e que fai que bebamos con entusiasmo segundo que cousas. O gin tonic era unha bebida de señoras, digna da raíña nai de Inglaterra, ata que hai uns anos pasou a ser a bebida favorita dos modernos. Logo houbo modas de whisky, de vermú ou mesmo intentos de poñer de moda o anís, porque se o xerez volve tamén o podería ter feito esta bebida de avoiñas. E agora vai chegar a moda de beber cousas alcólicas que son a versión adulta das cousas que tomabas na infancia.

A tendencia está empezando xa nos Estados Unidos, onde xa se poden atopar cócteles de polos, de batidos ou de cervexa de raíz (esa que beben os nenos dos libros e que nunca sabes moi ben que é ou a que sabe). Algúns dos lugares máis trendy xa os ofrecen aos seus clientes e, por suposto, a tendencia xa foi descuberta polos investigadores de pautas de consumo, aqueles que lles din ás empresas que é o que todo o mundo está a piques de consumir con frenesí. Mintel, unha firma de análise, sacou xa unha reflexión-alerta sobre a tendencia. Pero non hai que ir ata as compañías de estudos de consumo para velo. Se botades unha ollada por Pinterest veredes que non é moi complicado atopar fotos coloristas de cócteles cun polo metido dentro. Por haber ata xa hai listas de receitas de cócteles que son tamén batidos.

polo-coctelPor suposto, a tendencia é material para millennials e está sendo impulsada por eles mesmos. Os mozos modernos están cada vez máis interesados en buscar aires nostálxicos para as súas bebidas, pero eses aires nostálxicos xa non son tanto os de sacar os cócteles do baúl dos recordos do Gran Gatsby (como hai un par de anos) senón máis ben o de sacar os novos cócteles de moda dos seus propios recordos. Nas cartas estadounidenses hai xa cócteles de bourbon (o whisky estadounidense) e xeado que son servidos cun pratiño de pequenas galletiñas de chocolate, por poñer un exemplo.

Por que está acontecendo isto e por que estes estraños maridaxes están a se poñer de moda? A clave está, en realidade, en dous elementos. Por un lado, está a cuestión nostálxica, que é un dos grandes motores de consumo dos millennials. Os millennials aman (amamos) recordar os tempos pasados e, sobre todo, refuxiarnos nesas cousas que asociamos aos recordos da infancia e a un tempo mellor.

Por outro lado, está unha cuestión do máis frívola. Estes novos cócteles triunfan, explican os expertos de Mintel, porque son bonitos e quedan ben nas fotos das redes sociais. Estes cócteles triunfan gracias á ditadura de Instagram.

E, dun xeito paralelo, a industria do alcol está a potenciar nestes tempos (ou iso di a análise) os sabores doces ou de froitas nos cócteles porque con eles chegan ás mulleres, que os prefiren.

Fotos Farrukh, Pinterest

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *