O día no que bebín café nun baño victoriano

the-attendant-dos

Como todo turista que vai a Londres rapidamente comprende, a cidade está chea de cousas para facer e para ver e, por tanto, resulta case imposible ver todo o que hai dispoñible e entrar en todas as exposicións que un desexaría ver. Pero, a pesar de todo este boom de cousas e a pesar de que o tempo non chega(ba) a nada, a última vez que estiven en Londres decidín dedicar parte dunha das miñas tardes a visitar o que pode que sexa o lugar máis estraño (ou non tanto: comezou como unha idea un tanto tola e agora é unha tendencia) no que podes poñer os pés na cidade. Nunha das miñas tardes, e a pesar de que non quedaba no camiño, fun tomar café a un baño público. Un baño público victoriano.

Londres tivo unha longa tradición de baños públicos (e por baños falamos de WC ou os seus avós).  Londres tiña unha rede de baños públicos xa na Idade Media e entre os séculos XV e XVI tiña un baño público xigante con 84 asentos. O incendio de 1666 arrasou a cidade e os baños públicos en xeral, que pasaron unha etapa de crise ata a época da raíña Victoria. No XIX, a Exposición Universal do 1851 (a mesma na que se mostraban tipos innovadores de corsé) tivo os primeiros baños públicos cunha entrada a prezo ‘popular’, para que un (pero non unha) puidera aliviarse cando o necesitara. Como tras eses anos a preocupación pola hixiene foi aumentando, a rede de baños públicos tamén foi crecendo e os baños públicos comezaron a ser (como explican nun artigo en Atlas Obscura, de onde saen estes datos históricos) lugares cada vez máis bonitos e coidados, aínda que estaban baixo terra ou camuflados en rúas ou estacións de metro. Facían  un deseño bonito para eles.

Os baños públicos caeron en desgraza nos anos 70  e 80 (como tantos servizos públicos…), cando as autoridades se decataron de que o mantemento dos mesmos era moi caro. Pecharon as portas e quedaron así conxelados no tempo, como ‘belas arquitectónicas’ durmintes. E dende entón ata agora, cando os baños públicos están sendo recuperados pero están a selo dun modo completamente distinto. Agora son cafés hiper trendy.

A miña peregrinación na procura dun baño público – café levoume a The Attendant, que foi un baño entre 1890 e 1960. Durante os 50 anos que separan o seu peche coa súa ‘reinvención’ o baño estivo completamente pechado. Os novos responsables fixeron unha restauración respectando os elementos orixinais, como os azulexos victorianos, e integrándoos no ambiente. Os urinarios son agora os soportes para as mesas.

the-attendant

O resultado é sorprendente e, en fin, raro. Mentres bebes café, non podes deixar de pensar na sucidade de 70 anos de baño público (o que fai que te sintas un pouco mal por ser así…). Eu era o que facía mentres remexía no café, mentres me preguntaba se lle debía ou non comentar á miña irmá e acompañante na caza do baño público café esa idea. Non fixo falta. A miña irmá mostroume antes de que lle dixera nada que eu non era a única que tiña semellantes ideas: “mira o cartel”, díxome. Ao lado dos prezos dos cafés e das ofertas do día de sándwichs, os responsables poñían en letras ben visibles que si, que antes de facer nada fixeran unha limpeza. Os urinarios están limpos! (o baño da cafetería, o de verdade, tamén o estaba, por certo).

O espazo é pequeno (e baixo terra) pero está moi ben aproveitado (polo menos neste caso). Ao fin e ao cabo, un baño público é o que é e non pode medrar máis.

The Attendant non é o único, nin sequera é o primeiro (Ladies And Gentleman ten esa honra) pero pode ser unha boa opción (e ben situada, está preto de Oxford Street) para descubrir esta fascinante e inquietante tendencia.

Fotos Attendant

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *