As 6 series que vimos este verán

fleabag

O verán é desde hai xa anos unha época na que aparecen moitas desas series maxistrais que despois enchen a lista de mellores series do ano. Agora que chega setembro empeza xa a temporada de estreas, pero se o de ter que esperar semana tras semana para ter un episodio novo non che gusta (e non queres ver só cousas de Netflix ou Amazon), aquí van unhas cantas recomendacións. Estas son as series que nós vimos este verán e que cremos que merecen unha oportunidade.

Unreal

Creo que a primeira tempada é moito mellor que a segunda (que ten máis xiros de culebrón, pero que vin con entusiasmo igualmente) pero a pesar de todo iso ‘Unreal’ ten que entrar na vosa lista de series para facer maratóns. Unha produtora feminista é un dos xenios malvados detrás de Everlasting, un reality para buscar o amor verdadeiro. Engancha tanto como os realities pero podes dicir que estás facendo un exercicio súper intelectual de ver unha crítica sobre os mesmos (a responsable da serie foi tamén unha produtora feminista atrapada nun traballo lixo nun programa de amor eterno…). (Raquel)

The Night Of

John Turturro. John Turturro! De verdade necesitades máis razóns? Non deberiades, pero por se é así, aquí van: para min é unha das series do ano, con oito episodios redondos nos que se mestura a intriga (hai un asasinato e non temos claro quen foi, ao fin e ao cabo), o drama xudicial e o carcerario. Todo cunha estética perfecta dunha Nova York escura e diversa. De que vai? Nasir Khan é un rapaz de Nova York que unha noite coñece a unha rapaza. Na casa dela teñen unha noite de sexo e drogas (non hai moito rock and rollo) e cando el esperta na cociña e vai ao dormitorio a despedirse, ela está morta (claramente asasinada). El cre que non o fixo, pero tampouco se lembra.

Fleabag

Unha desas series que presentan como comedia hilarante sobre amor e sexo aos 30 anos, pero no que todo é un pouco mentira. Fleabag é unha rapaza de trinta anos que vive en Londres e si, ao principio todo parece apuntar a que esa é a serie que nos están a presentar, pero xa ao final do piloto vemos que quizais non sexa tan sinxelo. É comedia ás veces, pero pouco a pouco movémonos a temas máis serios, máis duros, máis tristes. Un consello: nunca vos fiedes do que conta o protagonista nunha serie en primeira persoa. Unha pequena xoia.

Lovesick

Outra sere británica. Esta leva xa uns meses en Netflix, pero co seu pouco afortunado nome orixinal: ‘Scrotal Recall’. O servizo de streaming decidiu rebautizala de forma máis light, algo que por outra parte vai moito mellor co que é a serie. Aviso: de todas as da lista, posiblemente esta sexa a peor, pero mellora pouco a pouco e é fácil de ver cando non queres pensar moito. O protagonista (que por certo é o cantante de anti-folk británico Johnny Flynn) recibe os resultados dunha análise e dinlle que ten unha infección de transmisión sexual (clamidias) e que debería avisar a todas as rapazas coas que se ten acostado. As súas chamadas serven para ir coñecendo o seu pasado a modo de flashbacks. Para min falla na presentación da historia de amor principal (está namorado da súa mellor amiga “en secreto” e ela del, e son moi cansinos mirándose e o de recurrir a ver que na cámara dela -é fotógrafa -hai só fotos del xa o vimos en ‘Love Actually’).

Casual

Dun tempo a esta parte, están a aparecer moitas series disfrazadas de comedias ambientadas en Los Angeles. Temos ‘Transparent’, ‘You’re the worst‘, ‘Love’… e ‘Casual’. Algo debe de haber no aire da cidade que fai que a xente viva vidas aparentemente felices, pero de forma miserable. ‘Casual’ leva dúas temporadas e está moi ben, pero ten de fondo temas como os problemas de relación cos pais, a depresión e o suicidio. Temos á protagonista, Valerie, recén separada, que marcha coa súa filla adolescente a vivir na casa do seu irmán (creador dunha app de citas). É divertida, intelixente e tráxica, todo á vez.

Stranger Things

Un neno desaparecido, homes científicos malvados, superpoderes, monstros, sustos e ata bullying escolar. Hai moitas cousas que asustan en ‘Stranger things’, unha serie de medo que está triunfando merecidamente este verán, pero non son eu quen de dicir se verdadeiramente aterrece ou non (basicamente, basta con que se vexa algunha escena de noite para que eu teña que por as mans por diante da cara). Pero se conseguín vela completa, pasándoo así de mal, é porque realmente paga a pena.

Porque é unha serie que está moi ben construída, onde cada episodio dá a cantidade xusta de información e a tensión é palpable a cada intre. Porque as personaxes, mais alá de querer saber que demos está pasando, son humanas e (relativamente) cribles. Porque os protagonistas (especialmente os nenos) son tan brillantes como entrañables, e un entende perfectamente que tardaran meses en finalizar o casting. Porque as constantes homenaxes ao cine de terror ou de ciencia-ficción dos anos 80 entenrecerán máis dun corazonciño. Porque fai uso das convencións de xénero dunha forma efectista, pero non carente de sentido. E porque a resolución do misterio chega só en 8 episodios. Que máis podemos pedir? (Cris)

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *