Cousas que podes facer para celebrar o día das Letras Galegas

libros letras galegas

Hoxe é o día das Letras Galegas e é festivo. Iso fai que teñades unha escusa para durmir ata tarde, para procrastinar durante o resto do día e para estar en pixama ata as catro da tarde vendo series, pero tamén fai que non teñades ningunha escusa para non aproveitar e ler. En teoría, xa sabedes, diso vai o día e non de ter unha escusa para facer unha ponte. Hoxe é un día para centrarse nas letras e para sacar un libro da estantería e sentar con el. Podedes ler o que vos apeteza (non, non tedes que ler poesía ou a Manuel María se non é do voso) pero o interesante é aproveitar para ler e para facer algo literario. Por se estades escasos de ideas e por se non sabedes a que dedicar esas horas literarias que xa vos acabamos de convencer de que tedes que gastar hoxe, velaquí van algunhas ideas (máis alá da socorrida mercar un libro).

Recuperar un clásico esquecido

Os clásicos son do máis doado de atopar (na web da Asociación de Tradutores Galegos tedes un catálogo do máis amplo e a só un clic de distancia)  e ás veces unha das lecturas máis sorprendentes, xa que moitas veces damos por sentado cousas que non son exactamente o que o libro en cuestión é en realidade. Na redacción de Disquecool hai unha redactora que leva tempo (si, anos xa, miña pobre) facendo lobby para que lea A Celestina, un libro que di que non saben vender aos adolescentes polo que realmente é (se lle deixaran a ela o de os convencer, vendían máis exemplares que no seu momento os de Crepúsculo). E eu mesma quedei moi, moi sorprendida cando por fin lin As amizades perigosas (ou como nesa tradución e como explicaba o tradutor, máis correctamente As relacións perigosas). Se queres facelo máis militante por aquelo do día e non ler a Stendhal senón a alguén máis próximo, podes escoller algúns dos autores do pasado desta lista de libros da literatura galega que non coñecemos pero deberíamos.

Darlle unha oportunidade a unha escritora (especialmente sé é do pasado)

Si, vale que o de #readwomen xa pasou, pero non deberías perder de vista o que dicían e por que o dicían (especialmente nun día que é bastante todo pirolos). No fondo (e desgraciadamente) ler un libro escrito por unha muller no día das Letras Galegas ten un tanto de subversivo… Se para as autoras do presente a visibilidade é aínda complicada (a #readwomen nos remitimos unha vez máis e tamén aos informes VIDA), para as do pasado aínda o é máis. As autoras son habitualmente máis esquecidas e borradas nos libros de historia. Rinoceronte acaba de publicar Festa no xardín, de Katherine Mansfield; Irmás Cartoné Ethan Frome, de Edith Wharton; e Hugin e Munin ten unha boa lista de autoras do pasado bastante esquecidas (ata agora) no seu catálogo de fondo.

Comezar a ler un libro dunha editorial independente

E, seguindo coa lista das editoriais que acaban o parágrafo anterior, este día tamén é unha boa ocasión para descubrir o que están publicando as pequenas editoriais independentes (aínda que se cadra, dado o tamaño do mercado do libro en galego, independente é case todo o mundo…) Todas elas teñen propostas xeniais y títulos escollidos que van máis alá do que ata agora estabamos recibindo. Si, son todas unhas pequenas Impedimentas (e si, amamos moito Impedimenta, que é unha sorte de baremo de libros que tes que amar)

Facer proselitismo do teu autor favorito

Nunha xornada sobre libros o mellor é falar sobre libros e intentar facer un lavado de cerebro a todos os amigos, coñecidos ou persoas que poidan estar escoitando (deberiamos ser valentes, como as velliñas que che falan na sala de espera do médico para intentar cotillear no que tes ou non tes, e abordar á xente na parada do autobús: parece que aguanta… e liches xa….?) para que lean ao teu autor favorito ou algúns dos teus libros favoritos. Sabedes, por certo, que Irmás Cartoné traduciu O gozo das damas de Émile Zola? (Xa sabedes o que ides mercar hoxe)

Comezar o reto de lectura de Disquecool

E un reto de lectura para todos os públicos e para todos os tipos de lectores e estades aínda a tempo de cumprilo.

Escribir a túa propia historia

E se o de ler vos parece demasiado mainstrem, por que non comezar hoxe a vosa novela? Quen sabe, se cadra sodes a gran esperanza da literatura galega e non o sabiades.

Foto Tranmautritam/pexels

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *