5 series ás que deberías dar unha segunda (ou primeira) oportunidade

Girls.

Girls.

Unha das miñas cualidades que en realidade é un defecto é o meu compromiso con toda obra de ficción (ou non ficción) que empezo. Nunca marchei do cine no medio dunha película, teño que rematar todo libro que comezo e é moi raro que se vexo a primeira temporada dunha serie non a siga vendo ata a súa cancelación. Isto significa dúas cousas: que teño perdido moito tempo e sufrido moito con libros deses que se atascan e con series que nunca rematan (vin todas as temporadas de ‘Glee’, con iso digo todo) e que teño desfrutado tamén de rexurdimentos inesperados dos que non podo falar con ninguén. “Viches o último de ‘Homeland’?” pregunto nerviosa a todos os meus amigos. “Puf non, deixeino hai varios anos“. Menos mal que sempre hai algún xornalista en medios americanos que se adica a facer recaps de toda serie en emisión. Sen eles estaría moito máis soa.

Pero que saibades que non vos gardo rancor por ser uns abandonaseries sen paciencia. Estou aquí para facervos un favor que non merecedes e dicirvos as series ás que debedes volver ou incluso as que debedes empezar (porque si, hai sempre algunhas que soan tan mal de partida que non empezas):

1. Girls

Xa, xa, Hannah é o peor, Lena Dunham está en todas partes e non queres volver ao trauma de ver como unha serie que che prometeran que era unha comedia tornou en drama na segunda temporada. E van xa pola quinta! E si, Hannah segue a ser terrible, dar en ocasións vergoña allea e seguirás a vela sen roupa con frecuencia. Continuarás tamén a preguntarte por que son amigas se se levan tan mal. Entón? É difícil de explicar. Nas dúas últimas temporadas ‘Girls‘ mellorou, ofrecendo algúns episodios deses para enmarcar, dando a sensación de que quizais estean a madurar, tendo momentos brillantes e fermosos. E se non, sempre quedará Shoshanna, que nesta quinta temporada vive en Xapón, do que di que ás veces se pregunta se non será un mundo alternativo que creou ela mesma na súa mente.

2. Homeland

A terceira temporada foi dura. Houbo que aguantar a Dana Brody con toda a súa trama adolescente que non interesaba a ninguén e, se chegaches ata o final, xa sabes que pasou. Moita xente mandou a Homeland á merda, pero (como dicir isto sen soltar spoilers?) que saibades que ese final de temporada foi o mellor que lle puido pasar á serie. Nas dúas seguintes temporadas ‘Homeland’ puido centrarse no que sempre nos gustou dela: en facernos estar sen respirar diante da pantalla. Na última, ademais, Carrie vive en Berlín, onde ISIS está a planexar un ataque nunha estación de tren. A emisión dalgúns episodios coincidiu co ataque en París e todo foi demasiado real, actual e próximo.

3. The Americans

The Americans’ nunca enfadou a ninguén, é só unha desas series que por algunha razón pasa desapercibida, da que ninguén fala (será porque son bos espías?? -perdón), e que mellora temporada tras temporada. Porque todos nos preguntamos sempre como farían Phillip e Elizabeth para manter en segredo a súa dobre vida cando os fillos empezasen a sospeitar… e agora a súa filla maior xa o sabe. E non, nada é fácil. (Aínda non empecei a última temporada, pero polo que lin a cousa segue de matrícula de honra).

4. Crazy Ex-Girlfriend

Como vendervos isto e que me fagades caso? A serie vai de Rebecca, unha exitosa avogada que de súpeto deixa o seu traballo en Nova York para mudarse a West Covina, California, unha desas vilas medio artificiais en metade de ningunha parte (a “só” dúas horas da praia, catro con tráfico) seguindo ao que foi o seu mozo un verán cando tiña 16 anos. Si, está bastante mal da cabeza. E outra cousa sobre a serie… é un musical. Xa, así a priori soa demasiado raro, pero confiade no meu criterio (“O criterio dunha persoa que viu todo ‘Glee’?”, estades a preguntarvos. Si, vin ‘Glee’, pero non vou por aí recomendándoo!). É unha mestura entre ‘Jane The Virgin’ (pero sen culebrón) e ‘Flight of the Conchords’, e é moi divertida. E no primeiro episodio veredes a un rapeiro decatándose de toda a “merda patriarcal” que temos que aguantar as mulleres e pedindo perdón a todas ás que fixo bailar en bikini nos seus vídeos!

5. How to Get Away with Murder

Aviso: esta é desas series que non sabes por que estás a ver, pero das que necesitas ver episodio tras episodio e mantelo en segredo. É un guilty pleasure en toda regra e non conseguirás xustificarte ante ninguén. Podes contar que Viola Davis está fantástica (é certo) e falar do momentazo da perruca e todo o que significa para a representación da muller negra na televisión, pero non ten sentido. Estarás enganchado porque é un produto de Shonda Rhimes, a mesma de ‘Anatomía de Grey’ e ‘Scandal’, e ten o seu selo inconfundible: xiros tolos de guión, tramas que crías que ninguén se atrevería a propoñer, cliffhangers irresistibles… Para eses días nos que necesitas algo así (porque non se pode ser intelectual en todo momento).

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *