Su Garrido Pombo e Kevin Herm Connolly: a (non) conexión entre Galicia e Irlanda

sukev2

Su Garrido Pombo e Kevin Herm Connolly son unha música galega e un músico irlandés que se atoparon en Dublín e que decidiron unir as súas voces (e instrumentos) de cando en vez para dar concertos xuntos. Xa estiveron de xira xuntos por Galicia en maio e agora volven, cunha nova xira por estas terras. Quedamos con eles para charlas sobre música, lugares e descubrir se de verdade existe unha conexión tan profunda entre Irlanda e Galicia.

Como se cruzaron os vosos camiños?

Kevin: Un día en Dublín, hai uns anos, fun a un concerto dela no Instituto Cervantes. Gustoume moito, así que despois fun falar con ela, e quedamos en contacto para ver se facíamos algo…

Su: Pero eu marchei para México e cando el escribiu díxenlle “vale, cando volva de México podemos facer algo…”… un ano despois. Cando volvín escribiume xa na primeira semana do ano dicindo “o meu novo propósito para este ano será que toquemos xuntos”. Isto foi hai dous Nadais, hai ano e medio. Eu volvín a vivir en Vigo e el seguiu vivindo en Dublín, así que seguimos en contacto a distancia. Pero eu vou moito por Dublín, así que quedamos e inviteino a vir a dar uns concertos por aquí. E eses concertos foron en maio.

K: Os concertos foron xeniais, tocamos en La Casa de Arriba e foi un dos mellores concertos da miña vida, en serio.

Que tocades cando tocades xuntos? Como repartides e dividides o repertorio?

S: Cando tocamos xuntos tocamos fundamentalmente os temas de Kevin e algunhas versións, pero son sobre todo os seus temas. El toca a guitarra e canta, e eu normalmente toca a guitarra, pero con Kevin só canto. Tamén coincide que cando ven a Galicia faino en Ryanair… así que só hai unha guitarra.

K: Pero Su tamén canta algunha canción súa…

S: Si, sobre todo para abrir o concerto, el toca algunhas cancións só, despois eu, e despois nos xuntamos.

E pensastes algunha vez en escribir algo xuntos?

S: A verdade é que non…

K: Eu estou a escribir unha canción en castelán por primeira vez, o que podería axudar…

S: Non sabía iso!

K: E teño outro obxectivo para este ano, que é tocar esa canción nalgún destes concertos. Aínda non o fixemos, pero espero que poidamos polo menos gravar algo xuntos. Aínda que só sexa que ela cante no meu próximo ano.

Como empezastes cada un nisto da música?

S: Como boa viguesa, vivo entre Vigo e a aldea. Aínda que viña a Vigo ao cole, e os meus pais traballan aquí, eu vivín na aldea (Fornelos de Montes) ata os tres anos coa miña avoa, e sempre seguimos a ir con moita frecuencia. Empecei cantando coa miña avoa: pasodobles, boleros, cancións de Machín, Rocío Jurado, tradicional… Sempre quixen adicarme a música, e aos sete anos entrei no conservatorio, empecei guitarra, estiven tamén nun grupo folclórico (Lembranzas). Marchei para Salamanca pola carreira e fundamos outra banda, Sonhos, coa que estiven sete anos. Despois fun a Granada, a Italia e despois a Dublín, onde empecei a miña carreira en solitario.

K: Eu aprendín piano cando era neno, a miña nai obrigoume. Pasei dous ou tres anos aprendendo piano clásico, pero non me gustaba, así que deixei as clases, pero seguín aprendendo de oído pola miña conta. Lembro que escribín unha canción aos oito anos sobre o alcoholismo, sobre un borracho. Despois tiña unha banda grunge con amigos no cole, toquei o baixo nunha banda co meu irmán (El Diablo), un grupo alt-country. Todo o tempo estaba a escribir as miñas propias cancións. Hai uns dez anos empecei a dar algúns concertos como solista e lanzar os meus discos.

sukev1

Os dous pasastes de tocar en grupos a en solitario, como é o cambio?

K: Cando estaba na banda co meu irmán, eles escribían as cancións e eu só tocaba. Iso estaba ben porque non hai tanta presión, non hai tanto traballo. Pero agora case nunca toco só, toco con Su ou con outros músicos, case sempre teño unha banda comigo. Ser solista ten as súas presións, pero tamén a súa liberdade, non tes que compracer a tanta xente.

S: Eu tocaba nunha banda ata que hai catro anos din o paso, pero tamén por cuestión de necesidade: trasládaste a outro país, non coñeces a ninguén… eu en Dublín vivía de tocar na rúa. Cando es unha soa persoa dependes de ti mesmo, da túa música, saes á rúa e tocas. Se dependes doutra persoa é máis complicado. E cando de verdade necesitas vivir e gañar cartos, tes que facelo. Foi bastante de necesidade, pero tamén quería demostrarme a min mesma que o podía facer soa. Como di Kevin, ten os seus pros e os seus contras. Estar soa significa que tes liberdade, que podes reinterpretar as cancións, que podes facer o que queiras en cada concerto, porque non tes a máis persoas. Pero tocar nunha banda é moito máis divertido! Estás con máis xente, sentes o seu feeling, todo é máis intenso, o son é máis grande… formas parte de algo. De todas formas, aínda que toco soa, tamén o fago con Kevin, teño outros proxectos… ao final toco soa e con moita xente distinta.

Como son os vosos procesos á hora de escribir?

K: Para min empeza estando no sofá, vendo a tele, coa guitarra na man, tocando calquera cousa, xogando. Se atopo que algo que me gusta, unha melodía ou acordes, sigo por aí e pode que teña o inicio dunha canción. Desde ese momento ata terminar pode pasar como un ano; traballo sobre a estrutura, etc. Normalmente vén primeiro a música e a letra ao final.

S: Eu un pouco así tamén. É moito traballo, para min iso da inspiración non sei, igual só despois de ter traballado varios meses. No meu caso a inspiración chega só porque levas probando e traballando moito tempo, probas e probas ata que ao final un día, polo que sexa, xorde. Despois de descartar moito. No meu caso tamén vén antes a música que a letra. Tamén me gusta moito utilizar poemas, musicalizalos, poñer música e letra xuntas. Moitas veces elixo poemas que me gustan e os interpreto.

E aí que vai antes?

S: Normalmente teño unha música ou unha idea musical que me leva a ese poema, e as dúas cousas van xuntas. Pero non son nada metódica, ás veces funciona dunha forma e outras doutra, non teño un patrón, nin horas fixas de traballo. Os músicos solemos ser músicos e adicarnos a outras cousas…

Por exemplo?

S: No meu caso si que me adico bastante á música. Despois están as poucas horas de profesor que todo músico ten ou tivo nalgún momento, e agora mesmo nada máis. Así que imos por bo camiño.

K: Eu fixen tamén outros traballos… Traballei nun hospital, tamén fun profesor, e agora fago tamén cousas de tradución. O obxectivo é vivir da música. Tamén fago Airbnb na miña casa.

Credes que existe esa típica conexión Galicia-Irlanda da que sempre se fala?

S: Non sei…

K: Eu sinto máis unha conexión co mundo latino

S: Pois entón Galicia…

K: Non sei se sinto unha conexión máis forte con Galicia que Andalucía. A paisaxe é parecida, chove…

S: A xente… non sei.

K: Parecémonos físicamente? Non me vexo tan raro aquí como en Cádiz… ou si?

S: É evidente que hai conexións musicais, os instrumentos e todo iso.

K: Os pescadores… estou a buscar conexións. Non sei, mellor dicir que si.

Se hai que buscar a conexión igual é que non existe, non?

S: Xa, eu tampouco teño moi claro iso das conexións, pero tampouco noto que sexa algo moi diferente.

K: Quizais sexa máis fácil para alguén doutro lugar ver se nos parecemos. Eu non sei como somos os irlandeses.

S: A min tamén me custa ver todo iso, Irlanda é moi grande. O que eu coñezo dalí é Dublín, e só unha parte moi pequena de Dublín, a xente que se adica á música e á arte. É como se aquí me pregunto se coñezo aos españois ou aos galegos? Pero non, en realidade coñezo só un círculo moi reducido.

Cambiando de cuestión… con quen vos gustaría tocar?

S: Con alguén que desfrute moito e sexa moi profesional.

K. Eu amo a Tom Waits, pero no sei se me gustaría tocar con el.

S: Un dueto con Leonard Cohen… faríalle as voces. Podería cantar con Beth Gibbons, marcarme un dueto con Caetano Veloso, outro con Silvia Pérez Cruz. Hai moita xente. Van Morrison…

K: Non sei, non podo pensar en ninguén.

S: Con Radiohead?

K: Non me gustaría tocar con eles.

S: A min si! Gustaríame ter podido cantar con Chavela Vargas, con Mercedes Sosa…

K: Os Beastie Boys. Pero hai uns anos mellor.

E para rematar, por que debe ir a xente aos vosos concertos?

K: Pola voz fermosa de Su Garrido Pombo. Din que temos unha conexión cando tocamos, que se nota que desfrutamos.

A conexión Galicia Irlanda!

K: Si, aí está a conexión famosa. Tocamos cun sorriso, versións especiais…

S: É moi particular, moi íntimo, emocionante.

K: Uns amigos dixéronme que tiñan ganas de chorar nos nosos concertos…

S: Non sei se iso debes dicilo…

K: Eu intento cantar en castelán, que pode ser divertido para o público.

  • Podedes ver a Su Garrido Pombo e a Kevin Herm Connoly este xoves 22 na Casa de Arriba en Vigo, o domingo 25 na Arca de Noé en Ourense e o xoves 29 na Sala Karma en Pontevedra.
Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *