Semana 1 #senespertador: a sorprendente primeira conclusión

morning

Cando espertei esta mañá estaba tan convencida de que se me fixera tarde e de que serían as 9 ou así que acendín a luz directamente. Nesta nova etapa sen espertador, normalmente miro a hora no móbil antes, consciente de que poderían ser as 2 ou as 4 da mañá. Hoxe eran as 7:05 dicíndome que debería confiar máis nos meus ritmos circadianos e saber, despois de algo máis dunha semana de experimento, que se pechei os ollos entre as 11 e as 11 e media da noite, espertarei ás 7:15 como moi tarde.

A primeira conclusión desta primeira semana? Atentos, porque é tan sorprendente que seguro que nunca a pensárades: o único que importa é a hora á que marchas para a cama. Se non tes problemas de insomnio (nunca os tiven), durmirás as horas que teñas que durmir. Ao cabo duns días de experimento, descubrirás cantas son: eu ando claramente entre as 7 e media e 8 horas.

A felicidade de marchar para a cama ás 11 da noite.

A felicidade de marchar para a cama ás 11 da noite.

Nestes días descubrín tamén algo co que non contaba: a forza de vontade segue a ser importante aínda que espertes de forma natural sen alarma, especialmente se son as 6:30 da mañá. O botón de snooze, ese que nos dá 5 minutiños máis (ou unha hora se nos vai das mans), non está no espertador. Está na nosa cabeza e non importa que teñamos durmido profundamente durante oito horas, saír da cama dun salto non está na natureza de todos. Miraremos o reloxo ás 6:30, faremos que non lembramos que dixemos que daríamos o día por empezado se abríamos os ollos a partir das 6, nos envolveremos nas sabas e pecharemos os ollos mentres pensamos que si, que agora. E de súpeto serán as 7.

little-mermaid-sleep

Os perigos do “un pouquiño máis”.

O meu pequeno reto persoal para a semana que vén é intentar empezar a eliminar o snooze da miña cabeza. Ao fin e ao cabo, apareceu na miña vida hai cousa de tres anos ou así. Eu sempre fora das persoas que saltan da cama cando soa o espertador e quero volver a iso (pero sen alarma!).

As miñas mañás cando era máis nova.

As miñas mañás cando era máis nova.

E as fins de semana? Non vos preocupedes: as fins de semana todo cambia (algo nada bo para a nosa saúde segundo a ciencia, pero tampouco hai que pasarse e erguerse ás 6:30 tamén en sábado e domingo!). Entre que é normal marchar para a cama algo (ou moito) máis tarde, e que o noso cerebro cambia e entra en modo vacacións, non hai perigo de estar cos ollos coma pratos ás 7 da mañá sen saber que facer.

Quizais o máis sorprendente de verdade é que as miñas necesidades de cafeína son máis baixas. Falo en concreto dese momento despois de comer no que me era tan sinxelo caer no sofá (porque é xusto cando dá o sol nese recuncho) e pechar os ollos. Agora xa non. Ese café xa só o tomo por pracer e non tanto porque note que se non quedarei durmida nalgún curruncho. Son un pouco coma esa xente que di que pode deixar de fumar cando queira.

Hai tamén unha gran dúbida que me come por dentro: estou a espertar de forma natural entre as 6:30 e as 7 porque de verdade durmín o que necesito, ou porque estaba xa afeita a erguerme a esas horas? Para averigualo tería que cambiar a hora de marchar para a cama, pero non o penso facer.

A outra pregunta que me fago é a de se levo toda a vida sufrindo os sobresaltos matutinos provocados pola alarma sen necesidade. Se reflexiono o suficiente sobre o tema, seguro que para a semana que vén podo presentar unha teoría conspiranoica contra a industria dos espertadores (agora metidos en móbiles).

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *