Disquecool invita: Curtocircuíto 2015!

leth

Advertíamos, hai unhas semanas, que esta edición de Curtocircuíto iámola vivir moi de preto. O festival vén de anunciar a visita do director Jørgen Leth con motivo da súa retrospectiva. Considerado o pai do movemento Dogma 95, o director danés únese a Kaurismäki na edición máis cool das tres que este equipo leva ao cargo. Entre as obras escollidas, este ano para a súa retrospectiva destaca ‘The Five Obstructions’. Este documental protagonizado por Leth leva a sinatura dun Lars Von Trier que pon a proba ao seu mestre con diferentes “obstruccións”. Tomando a curta ‘The Perfect Human’ que Leth asinou no 1967, Trier fai que Jørgen a volva a gravar seguindo as súas instruccións e obedecendo as limitacións que impón.

Se á altura deste parágrafo aínda non sabes quen é Leth permíteme que o poña sinxelo: Jørgen Leth foi o home que gravou a Andy Warhol comendo unha hamburguesa. Seguramente agora a túa mente diga “Ah! Xa sei!!!”. Si, ese vídeo que ata parodiou Macaulay Culkin que supuxo unha pedra vital na historia do cine contemporáneo. Esa secuencia, que forma parte do filme ‘66 Scenes From America’ tamén ocupará un espazo da retrospectiva que Curtocircuíto adica ao director este ano. Ademais desta película, ‘New York Street Perfomers’  e ‘New Scenes From America’ e pecharán unha das cinco sesións adicadas a Jørgen Leth. Para os máis cinéfagos, en New Scenes From America sae Albert Maysles!! Si, ese home que nos roubou o corazón no PlayDoc do 2013 e que, un ano despois, faleceu deixando orfo a gran parte do mundo do cine. Nada mellor que lembralo a través dun filme no que, seguramente, participou encantado.

A estas alturas hai dúas opcións: ou ben sabes de quen estamos a falar, ou segues sen ter nin idea e todo isto soa a chino mandarín. Pero non teñas medo, a obra de Jørgen Leth non é desas nas que as películas son pezas contemplativas de horas que tanto (nos) gustan á cinefaxia máis pura. Ademais de lembrar o traballo con Trier e as súas pezas en América, Curtocircuíto ten programadas cinco películas máis que xiran arredor do deporte: ‘Chinese Ping-Pong’ e ‘Motion Picture’, centradas no estudo do movemento do corpo e o deporte; ‘Pelota’, un fermoso documental sobre a Pelota Vasca; ‘Sunday In Hell’ e ‘Michael Laudrup: A Football Player’, a primeira centrada na carreira ciclista Paris-Roubaix e a segunda, obviamente, co centrocampista do Dream Team culé como protagonista.

Aproveitando a sorte de ter a un referente como Jørgen Leth este ano imos poñer a proba os vosos coñecementos de cine. A pregunta é sinxela: coñeces algún filme asinado por un director danés? E diredes, a pregunta ten premio? Pois si. O premio son dous bonos individuais completos ao festival para os dous gañadores do sorteo. En Disquecool sabemos que sodes os máis cools e que coñecedes o cine danés da A á Z, así que só tedes que comentar neste artigo poñendo un nome de director danés e un filme que fixera para entrar no sorteo. Lede antes os comentarios que haxa, porque non vale repetir. E se queredes, incluso podedes facer unha pequena reseña da peli en cuestión. Bulide! Tedes ata o 25 de setembro ás 23:59 para participar e conseguir un deses dous bonos!!

Shares

12 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *