5 plans para sobrevivir ao verán en Vigo

vigo

Foto: Ivan PC

Podes ir á praia, claro que si, pero ben sabemos que hai que ter sempre un plan B por se vai tanta calor que non queremos estar ao sol ou por se son máis alá das 9 da noite (non por se de súpeto chove ou vai frío ou a néboa parece non marchar nunca, claro que non!). Ademais, para seguir amando os días de praia cómpre seguir a facer que sexan especiais, ata os protagonistas de ‘California Dreamin’ atopaban outras cousas que facer que pasar todo o día facendo surf!

O bo é que o verán vigués está bastante cheo de cousas que facer que non implican pasar horas buscando onde aparcar na praia ou sufrir aplastamento nun Vitrasa cheo de adolescentes. Aquí van as nosas propostas de plans para sobrevivir ao verán na cidade olívica.

1. Ir a concertos

Ademais dos festivais que temos a poucos quilómetros (PortAmérica esta fin de semana, Sinsal en San Simón a que vén, o Marisquiño en agosto), o verán vigués está cheo de lugares nos que escoitar música en directo. Os venres, no Mirador do Paseo de Alfonso XII, podes ver a artistas locais no Ciclo de Concertos do Paseo de Alfonso XII: empezou o venres pasado con Joao Tomba e continúa mañá coa actuación de Yago Vázquez Trio. No Charenton, en Ramón Nieto, organizan tamén bastantes concertos, só hai que estar atentos á axenda. Mañá estará Rodrigo Cuevas, o domingo La Bastard, o día 30 Es un árbol, e un longo etcétera. Buscade tamén música nos sitios clásicos: La Fábrica de Chocolate (xa en agosto), La Iguana, no Café UF,…

2. Ver pelis en lugares distintos

Meterse no cine un día de verán dá sempre un pouco de cousa, especialmente se aínda é de día. Moito mellor se temos opcións ao aire libre! O 31 de xullo e o 1 de agosto terá lugar o festival Curtas Na Rúa, con proxeccións detrás do MARCO. Polo de agora non atopamos máis opcións de cine na rúa (se sabedes de máis, nos comentarios!), pero si que hai outros lugares nos que ver pelis que non son cine: os bares! En lugares coma o UF, o Golem ou o Charenton fan proxeccións de cine con bastante frecuencia, así que consultade as súas axendas.

3. Ir ao teatro

Ou, mellor, ao microteatro. Á perruquería, en realidade. Falamos da obra ‘Lavar, marcar e enterrar‘, unha proposta moi orixinal que podedes ver todos os venres e sábados na perruquería Elsalón, en Joaquín Yáñez (entre Lume de Carozo e La Contenta). Trátase dunha adaptación dunha obra de Juanma Pina que tivo moito éxito hai tres anos nun salón de beleza en Madrid, na que acción ten lugar, claro, nunha perruquería. Para que montar un decorado cando podes trasladar á función a un sitio máis real? O aforamento é de 24 butacas, así que se queredes vela chamade para reservar.

4. Saír a cear nunha terraza

O Casco Vello de Vigo é desde hai xa un par de anos un lugar no que hai moitísima oferta de lugares nos que cear (iso si, reservando antes!). Que mellor que aproveitar o bo tempo e intentar coller sitio nos restaurantes nos que teñen terraza? Poucas cousas hai máis estivais que desfrutar da comida e da bebida ao aire libre. Nós fixemos algún artigo sobre lugares nos que cear no Casco Vello, pero buscade tamén algo máis porque sempre hai restaurantes novos!

5. Explorar a cidade

Os seres humanos somos animais de costumes e tendemos a movernos sempre polos mesmos lugares. No caso de Vigo, movémonos polo noso barrio e polo centro, e moitas veces obviamos que existen máis currunchos con sitios dignos de ser descubertos. Do Calvario a Navia, de Teis a Bouzas, das Traviesas a Cabral… se non tes tempo ou cartos para facer unha viaxe este verán, por que non botas a camiñar en dirección contraria á normal? Por que non colles un Vitrasa ata a súa última parada? Explora!

Shares

Etiquetas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *